Pestanas principais

A Policía Local de Ames realizou un total de 1.099 actuacións ao longo do 2019

Sábado, 14 de marzo de 2020

A Policía Local conta con diversos ámbitos de actuación, atendendo a diferentes problemáticas e áreas de acción co obxectivo de garantir unha boa convivencia entre as veciñas e veciños do concello. Entre as áreas de acción destacan os programas formativos que desenvolven cos menores, civismo e convivencia cidadá, o tratamento de obxectos perdidos, intervencións administrativas e xudiciais, colaboracións en actos do concello, medio ambiente, ou tráfico. No 2019 tamén se realizou a mellora de material, coa adquisición dun desfibrilador e un drogotest, que realiza a detección de sustancias tóxicas ou estupefacientes que inflúen na condución para previr os accidentes provocados por drogas.

A Policía Local de Ames dá conta das 1.099 actuacións que realizou ao longo de 2019. Deste xeito, realizaron 272 actuacións relacionadas co departamento de urbanismo, 193 actuación relacionadas coas oficinas xerais do concello; 187 actuación de entrega de obxectos perdidos; 114 actuacións relacionadas co departamento de obras e servizos básicos; 73 dilixencias por accidentes de tráfico; entre outras moitas.

Un dos ámbitos que abarca a Policía Local de Ames é o de civismo e convivencia cidadá. Ademais da seguridade cidadá, outra das labores foi a vixilancia, tanto de vertidos de escombros, venta ambulante, cans na vía pública, molestias por ruídos tanto en establecementos públicos como en vivendas particulares, danos en mobiliario urbano ou o consumo de alcohol na vía pública.

Tamén é habitual que no día a día, se reciban nas dependencias policiais numerosos obxectos perdidos ou extraviados, os cales na súa maioría son devoltos aos seus propietarios. Durante o ano 2019 foron contabilizados un total de 260 obxectos perdidos, os cales son de diversa índole, como diñeiro, gafas, cazadoras, teléfonos móbiles, etc.

En canto aos datos estadísticos da xestión de vehículos abandonados, no ano 2019 tramitáronse un total de 19 actas-denuncia por vehículos abandonados como residuos sólido urbano. Once dos vehículos foron retirados polos seus titulares, seis pola empresa de tratamento de vehículos e os dous restantes continúan en tramitación por diversos motivos.

Programa formativo sobre a seguridade viaria na escola
A Policía Local de Ames desenvolve anualmente iniciativas educativas que imparte nos centros de ensino do concello. Este programa está dirixido e adaptado a diferentes cursos de educación Infantil, primaria e secundaria. Neste eido tamén actúan por requirimento dos centros escolares, ou dos propios veciños/as directamente, cando se detectan casos de menores fóra dos centros escolares en horario lectivo.

Alén disto, a Policía Local de Ames colabora tanto en actos realizados polo propio Concello, como poden ser a Cabalgata de Reis, a Festa de Xuventude, Magosto, os Días do Deporte e da Bici, a Carreira Pedestre, Carreira da Familia, do Pavo, BTT... así como noutros eventos como poden ser as procesións organizadas polas comisións de festas de distintas parroquias do Concello, as da Peregrina en Bertamiráns e Madalena no Milladoiro, ou a colaboración cos centros educativos en materia de educación viaria. Por exemplo, impartíronse charlas nos IES do concello baixo o título: “Conducir sen riscos, seguridade para todos” e “Como actuar ante un accidente de tráfico”. Asemade, organizouse un concurso de debuxo para nenas e nenos de 3 a 6 anos co slogan: “Como te desprazas polo teu concello”.

Tráfico e sinistralidade viaria
Dentro das competencias da Policía Local están ordenar, sinalizar e dirixir o tráfico no casco urbano. No exercicio destas funcións formuláronse durante o pasado ano 1.137 denuncias e no ano 2018 un total de 1.172 denuncias, polo que se produce unha diminución do número de denuncias formuladas por infraccións de tráfico respecto ao 2018 en 35 denuncias. Tamén se rexistrou unha redución de accidentes de tráfico no ano 2019, entre eles, as reformas lexislativas en materia penal e administrativas. No ano 2019 instruíronse en Ames un total de 76 dilixencias a prevención por accidentes de tráfico.

O concelleiro de Administración Xeral e Seguridade, Víctor Fernández, destaca “a redución do número de denuncias formuladas por infraccións de tráfico que se produciu en 2019 respecto de 2018”. Ademais, incide no gran traballo que realizan os/as axentes da Policía Local en colaboración coa Garda Civil do Milladoiro. Ademais, apunta que “en 2019 se melloraron os equipamentos do corpo de seguridade amesán coa compra en 2019 dun desfibrilador e un drogotest, e este ano 2020 coa adquisición dun novo radar láser co obxectivo de mellorar a seguridade viaria”.

Sobre as causas que producen os accidentes de tráfico, destacan o despiste do condutor, prioridade de paso, invasión de animais na vía pública (xabaríns principalmente) e a condición baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

Co obxectivo de de contribuír á mellora da seguridade viaria dende unha perspectiva preventiva, cumprimentouse en todo o 2019 un total de 14 infraccións por conducir baixos os efectos do alcohol, 2 infraccións por condución temeraria, 8 infraccións por circular cun vehículo sen seguro e 12 por circular ca ITV caducada.

Tamén se interviron un total de 12 sustancias estupefacientes realizándose a correspondente acta-denuncia administrativa e a entrega das sustancias ao organismo correspondente e tamén se realizaron patrullas especiais coa finalidade primordial de poñer fin a roubos e furtos que se realizan en vivendas, locais comerciais e vehículos.

Colaboración nas campañas da Dirección Xeral de Tráfico
E xa por último, engadir que durante o 2019 a Dirección Xeral de Tráfico levou a cabo numerosas campañas, e a Policía Local de Ames adheriuse ás seguintes: a campaña de Vixilancia e Control de Alcohol e outras drogas do 3 ao 9 de xuño de 2019 con 226 probas realizadas, a campaña de Vixilancia e control sobre distraccións ao volante do 16 ao 22 de setembro con 2 probas realizadas, a de Vixilancia e Control de Furgonetas do 28 ao 21 de outubro con 8 probas e unha denuncia, a de Vixilancia e Control das condicións dos vehículos do 11 ao 17 de novembro con 230 probas e 2 denuncias, e a campaña de Vixilancia e Control de Alcohol e outras drogas do 9 ao 15 de decembro de 2019.

Por último, o concelleiro de Administración Xeral e Seguridade indica que “todas estas actuacións lévannos a valorar moi positivamente o traballo realizado pola nosa Policía Local, e neste sentido recoñecer a toda a plantilla policial a dedicación que tiveron durante o ano 2019. Os datos reflectidos nas súas actuacións non son simplemente números, senón que se materializan na mellora constante dun servizo público primordial, prioritario e esencial como é a seguridade cidadá”.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Bajan las infracciones de tráfico y accidentes con la Policía de Ames"

Compostela 24 horas: "A Policía Local de Ames realizou un total de 1.099 actuacións ao longo do 2019"

La Voz de Galicia: "La Policía Local de Ames cursó 1.137 denuncias de tráfico el año pasado, 35 menos que en el 2018"

A Policía Local de Ames realizou un total de 1.099 actuacións ao longo do 2019

Multimedia

  • A Policía Local de Ames realizou un total de 1.099 actuacións ao longo do 2019
  • A Policía Local de Ames realizou un total de 1.099 actuacións ao longo do 2019
  • A Policía Local de Ames realizou un total de 1.099 actuacións ao longo do 2019