Pestanas principais

A Policía Local de Ames realizou preto de 2.000 controis nas estradas do municipio no marco da campaña de control de velocidade da DXT

Luns, 05 de setembro de 2016

[05-09-2016] O Concello de Ames colaborou coa Dirección Xeral de Tráfico no desenvolvemento da campaña especial de vixilancia e control de velocidade que se desenvolveu entre o 22 e o 28 de agosto de 2016. Os axentes da Policía Local de Ames realizaron un total de 1.851 controis (480 en vías urbanas e 1.371 en travesías), nos cales denunciaron a 49 condutores. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames envioulle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.

O Concello de Ames, a través da Policía Local, participou nesta campaña promovida pola Dirección Xeral de Tráfico que tivo o obxectivo de concienciar da importancia de circular á velocidade indicada, especialmente en espazos urbanos nos que distintos tipos de vehículos -automóbiles, motocicletas, bicicletas- comparten espazo cos peóns. A velocidade ten ademais un impacto negativo no medio ambiente, xa que ao aumentar esta fano tamén os gases nocivos e emiten os vehículos, así como o nivel de ruído que producen, e na calidade de vida das zonas urbanas.

Cada ano, alerta a DXT, falecen nas estradas máis de 300 persoas, en accidentes nos que a causa foi o exceso de velocidade. Conducir a unha velocidade adecuada, indica este organismo, evitaría unha cuarta parte dos sinistros que se producen cada ano. Os controis realizáronse tanto en vía urbanas como en travesías de Bertamiráns e do Milladoiro. Nas vías urbanas leváronse a cabo un total de 480 controis repartidos en tres días. Nestes controis non se produciu denuncia algunha.

Por outra banda, houbo 1.371 controis en travesías feitos en catro xornadas distintas. Neste caso houbo 49 denuncias por pasar o límite máximo de velocidade establecido nestas vías. Para realizar os controis os axentes municipais cotaron cun vehículo, cedido pola propia DXT, equipado cun radar e cun etilómetro para levar a cabo controis de alcoholemia. O alcalde de Ames, José Miñones, explicou que “este tipo de campañas teñen o obxectivo de mellorar a seguridade viaria tanto dos condutores dos vehículos coma dos propios peóns”.

Outras actuacións
Ademais, os axentes do corpo de seguridade amesán detiveron a unha persoa o pasado 30 de agosto, despois de recibir unha chamada telefónica por parte dun equipo de investigación dos Mossos d'Esquadra solicitando o domicilio actual dun home que presuntamente estaba vivindo no concello de Ames, xa que estaba en busca por varias estafas que presuntamente cometera en Barcelona. Dende a Policía Local de Ames consultaron a base de datos da Garda Civil e constaron que había tres ordes de busca, detección e personificación ditadas polos xulgados de Zaragoza, Bañeza-León e Bilbao-Vizcaya.

Contido relacionado


El Correo Gallego:"La Policía de Ames arrestó a un presunto estafador y completó 2.000 controles"
La Voz de Galicia:"La Policía Local de Ames realizó 1.851 controles de tráfico que provocaron 49 denuncias"