[29-12-2015] O Concello de Ames colaborou coa Dirección Xeral de Tráfico no desenvolvemento da campaña especial de vixilancia e control de alcol e drogas, que se levou a cabo entre os días 14 e 20 de decembro. Os axentes da Policía Local de Ames realizaron 280 controis de alcol e 27 probas de drogas. O resultado foi moi satisfactorio xa que ningún condutor, que foi sometido a estes controis, deu positivo. Ademais, os axentes proporcionáronlle información aos condutores sobre a necesidade de conducir sen inxerir ningún tipo de bebida alcohólica ou substancia estupefaciente.
A principal razón da posta en marcha deste tipo de campañas de vixilancia e control, que neste caso se desenvolveu entre os días 14 e 20 de decembro, é que o aumento dos controis preventivos é un dos factores que está a favorecer un cambio de comportamento dos cidadáns sobre esta materia. Durante os sete días que durou esta campaña, que puxo en marcha a Dirección Xeral de Tráfico, os axentes da Policía Local de Ames reforzaron os controis de alcol e drogas nas estradas do municipio e nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro.
En total, realizáronse 307 controis repartidos en sete días (o primeiro día 44; o segundo día 37; o terceiro día 64; o cuarto día 27; o quinto día 59; o sexto día 48; e o sétimo e último día 28). Probas de alcol fixéronse 280, mentres que probas de drogas leváronse a cabo 27. O resultado foi moi satisfactorio xa que ningún condutor, que foi sometido a estes controis, deu positivo.
O alcalde, José Miñones, que é o responsable de seguridade, afirma que “hai que estar satisfeitos dos resultados que arroxan esta campaña xa que dan mostra do bo comportamento e da concienciación que existe entre a veciñanza amesá cando collen o seu coche. Aínda así, durante estas datas hai que extremar as precaucións cando se colle o coche. Sobre todo de cara á noite de fin de ano na que un gran número de persoas acoden a festas para celebrar a chegada do novo ano”.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "A Policía Local realizou 300 controis de alcol e drogas"
La Voz de Galicia: "Hacen 300 pruebas en Ames de alcoholemia, todas negativas"




