[20-03-2013] O Concello de Ames colaborou coa Dirección Xeral de Tráfico no desenvolvemento da campaña especial sobre o uso do cinto e dos sistemas de retención infantil, que se levou a cabo entre os días 11 e 17 de marzo. A Policía Local de Ames realizou un total de 225 controis en turismos e vehículos de mercancías, para comprobar se os condutores e acompañantes empregaban correctamente o cinto de seguridade e os sistemas de retención infantil, no caso de ir acompañados por nenos/as.
No marco destes controis, os axentes proporcionáronlle información aos condutores sobre a necesidade de empregar estes sistemas de seguridade, que reducen de xeito considerable o risco de morte en caso de accidente de tráfico. En total, só catro condutores foron sancionados por non empregar o cinto de seguridade ou os sistemas de retención infantil. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames envioulle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.
O obxectivo destes controis é mellorar a seguridade viaria, xa que o uso dos sistemas de retención infantil homologados e do cinto de seguridade está demostrado que é o sistema de seguridade viaria máis sinxelo, rendible e eficaz. Segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico, o emprego do uso do cinto de seguridade reduce á metade o risco de morte en caso de accidente, mentres que os sistemas de retención infantil evitan nove de cada dez lesións infantís graves ou mortais. Na actualidade, os datos mostran que as lesións por accidente de tráfico seguen sendo a primeira causa de morte nos nenos maiores de 4 anos.
Últimas actuacións
Ademais, a Policía Local fixo balance das incidencias rexistradas nos últimos días. No marco dos controis preventivos que realizan os axentes, a semana pasada detiveron a dúas persoas que estaban sendo buscadas para comparecer ante a Xustiza.
Os dous arrestos tiveron lugar a semana pasada en Bertamiráns. Os detidos, que estaban requiridos polo Xulgado de Instrución nº1 de Santiago por diferentes cuestións, foron trasladados ao posto da Garda Civil do Milladoiro.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "La Policía Local de Ames realizó 225 controles en la campaña de seguridad"
La Voz de Galicia: "Detienen a un compostelano por agredir y robar a un vecino de Bertamiráns"




