Pestanas principais

A Policía Local de Ames realizou máis de 20 controis de velocidade co vehículo cedido pola Dirección Xeral de Tráfico

Martes, 20 de maio de 2014

[20-05-2014] A Policía Local de Ames realizou entre o 10 de abril e o 8 de maio unha campaña de control de velocidade co vehículo cedido pola Dirección Xeral de Tráfico. Durante este mes que durou a devandita campaña os axentes do corpo de seguridade amiense realizaron máis de 20 controis de velocidade. Este vehículo está equipado cun radar e cun etilómetro para realizar controles de alcoholemia. Tamén se realizaron controis de alcoholemia a través dos cales se detectaron varias infraccións. A cesión deste vehículo enmárcase nun convenio de colaboración asinado entre o Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico. Ademais, dende este luns, 19 de maio, a Policía Local está desenvolvendo unha campaña de control de motocicletas.

A Policía Local de Ames fai balance da campaña de control de velocidade que realizou dende o 10 de abril ata o 8 de maio co vehículo cedido pola Dirección Xeral de Tráfico. Ao longo deste mes os axentes do corpo de seguridade amiense realizaron varias denuncias por superar o límite de velocidade establecido nas diferentes vías do Concello de Ames. As denuncias interpostas foron remitidas á Dirección Xeral de Tráfico e á Deputación da Coruña.

A Policía Local de Ames controlou a velocidade dos vehículos nas zonas urbanas de Bertamiráns e do Milladoiro e nas inmediacións das zonas escolares. Os controis realizáronse fundamentalmente na estrada DP-205, que discorre por diante do CEIP Agro do Muíño; na estrada AC-453, que pasa por diante do CEIP de Barouta; e na estrada AC-544 que esta ao lado do CEIP A Maía.

Ademais, cómpre destacar que na avenida de Rosalía de Castro detectáronse varios casos de vehículos que circulaban superando os 100 km/h sendo a velocidade máxima permitida de 50 km/h. Ademais, dende este luns, 19 de maio, a Policía Local está desenvolvendo unha campaña de control de motocicletas.

O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que “este tipo de campañas teñen o obxectivo de mellorar a seguridade viaria dos vehículos e dos peóns. A través destas iniciativas preténdese reducir a velocidade dos vehículos nas zonas próximas aos centros de ensino”. Por último, o rexedor municipal incidiu en que “o Concello de Ames traballa na concienciación da poboación xuvenil en materia de seguridade viaria”.

Este vehículo tamén está dotado cun etilómetro para realizar controis de alcoholemia. Deste xeito, a Policía Local interpuxo varias denuncias por dar positivo no control de alcoholemia. Catro destas denuncias foi tramitadas por vía penal e as outras por vía administrativa.

Convenio coa Dirección Xeral de Tráfico
A cesión deste vehículo enmárcase dentro do convenio que asinaron o Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico, para a cesión de material e apoio técnico por parte de Tráfico ao Concello de Ames. Isto permitirá ampliar e mellorar os servizos que presta a Policía Local de Ames, que poderá contar con material ou vehículos cedidos temporalmente por Tráfico.

Neste convenio establécese que a Xefatura Provincial de Tráfico cederá temporalmente ao Concello de Ames os vehículos e aparatos medidores (etilómetros, cinemómetros, medidores de potencia e outros equipos) que se determinen en cada caso específico.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Los 20 controles amienses detectan coches a cien por hora en Milladoiro"