[01-03-2013] A Policía Local de Ames realizou durante o ano 2012 máis de 4.000 actuacións, a maioría delas relacionadas con cuestións relativas ao tráfico, accidentes, urbanismo ou retirada de vehículos da vía pública. Neste balance, destacan as operacións levadas a cabo en colaboración coa Garda Civil, que permitiron a detención de sospeitosos e a resolución de furtos. En relación á memoria de actuacións de 2012, o xefe da Policía Local, José Antonio Rodríguez, subliña “a importancia que ten a colaboración cidadá na labor realizada, xa que moitas veces supón unha información necesaria para desenvolver o traballo”. Destacou, ademais, “o aumento dos controis conxuntos levados a cabo coa Garda Civil, especialmente na resolución de furtos”.
Ao longo de 2012, a Policía Local de Ames instruíu un total de 105 dilixencias por accidentes de tráfico, unha cifra que apenas se incrementou con respecto a 2011, ano no que se rexistraron 104. A intervención en accidentes sen realización de dilixencias foi de 38, sendo o total anual de intervencións 143. A maioría dos accidentes producíronse por colisións e saídas de vía. Por núcleos urbanos, rexistráronse en Bertamiráns 12 sinistros con feridos e 54 con danos materiais, mentres que no Milladoiro foron 7 accidentes con feridos e 39 con danos materiais. As vías nas que máis accidentes se produciron foron a Avenida da Maía e a de Rosalía de Castro. Fóra do casco urbano, contabilizáronse 19 sinistros de tráfico con danos materiais, e 12 con persoas feridas.
Nos pasados doce meses, rexistrouse un descenso no número de intervencións por infracción de tráfico con respecto ao ano 2011. En total, rexistráronse 1.183, o que supón 869 menos que no ano anterior. Por núcleos de poboación, 509 infraccións rexistráronse en Bertamiráns, mentres que 674 foron no Milladoiro.
Durante 2012, co obxectivo de contribuír á mellora da seguridade viaria desde a perspectiva da prevención, leváronse a cabo controis de documentación e alcolemia. Froito destes controis, rexistráronse un total de 11 infraccións administrativas por condución baixo o efecto de bebidas alcólicas e 7 por conducir un vehículo a motor sen estar habilitado (ben por perda total de puntos, permiso de condución caducado ou por conducir un vehículo cun permiso que non lle corresponde). Ademais, instruíronse 35 atestados por un delito contra a seguridade viaria, repartidos en 20 atestados por alcoholemia positiva e 15 por condución sen permiso, rexistrándose unha media similar á de 2011.
Outro dos labores que realiza a Policía Local en materia de tráfico é a retirada de vehículos inservibles ou abandonados nas rúas. Con estas condutas prodúcese unha molestia á cidadanía ao reducirse o número de prazas de aparcamento dispoñibles. O número de expedientes abertos por abandono de coches no 2012 foi de 66, sendo retirados da vía pública un total de 29, dos que sete foron retirados polo guindastre e 22 polos seus propietarios. Actualmente, segue o expediente en curso para os 37 restantes.
Actuación en materia de violencia de xénero
Entre os cometidos da Policía Local de Ames tamén está a atención ás mulleres maltratadas. Para iso, este corpo conta co programa de teleasistencia móbil para as vítimas de violencia sexista, unha modalidade de servizo que ofrece ás mulleres maltratadas con orde de protección unha atención inmediata e a distancia as 24 horas do día, os 365 días do ano. Durante o 2012, déronse de alta un total de 3 persoas e notificouse unha incidencia neste servizo.
Ao tempo que elaboran un arquivo das mulleres con necesidade de protección ou con ordes de afastamento, tamén levan a cabo un seguimento das sentenzas do xulgado de violencia de xénero, sendo en 2012 un total de 16 os expedientes cedidos polos xulgados á Policía Local nesta materia. O obxectivo de todas estas actuacións é dar un trato individualizado ás vítimas.
A Policía Local tamén se encarga de responder aos requirimentos que dende os centros escolares ou dos veciños se fan para controlar a menores que faltan ás clases ou que cometen algún tipo de falta ou delito. Para o mantemento do civismo e da convivencia cidadá, tamén se encargan de vixiar a entrada e saída dos colexios en Bertamiráns e Milladoiro, previr o furto nos días do mercado e de roubos en establecementos, vixiar durante a celebración de actos e espectáculos públicos, revisar a limpeza das vías das obras e o mantemento da salubridade e ornato público; así como realizar as saídas aos enterros.
Atestados xudiciais
Neste eido, a Policía Local de Ames tamén levou a cabo 194 actuacións. Entre estas, cabe destacar a elaboración de 22 atestados por furto de obxectos, 35 por delitos contra a seguridade do tráfico, 32 por danos en propiedade privada ou 45 atestados por outras denuncias. Ademais, a Policía Local no ano 2012 rexistrou un total de 185 atestados remitidos tanto ao Xulgado, a Fiscalía e á Garda Civil.
Novas dotacións e equipamentos
Nos últimos meses, o Concello de Ames adoptou unha serie de medidas tendentes a mellorar os medios cos que conta a Policía Local. Así, o alcalde de Ames, Santiago Amor, asinou co xefe provincial de Tráfico na Coruña, Pedro Pastor del Castillo, o convenio no que se fixa o marco básico de colaboración entre o Concello e a Dirección Xeral de Tráfico e que inclúe unha addenda para a cesión de vehículos ou de equipos medidores, como etilómetros, cinemómetros ou medidores de potencia.
Ademais, a semana pasada o Concello aprobou o inicio do expediente de contratación, baixo a modalidade de renting, de dous vehículos equipados con kit policial que teñen como destino a Policía Local. Con este contrato, que conta cun orzamento de 83.520 euros máis IVE para un período de catro anos, o Goberno amiense dá resposta a unha vella demanda da Policía Local, que lle expresara ao Concello de Ames a necesidade de substituír dous dos vehículos cos que conta.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "4.000 actuaciones para la Policía de Ames en un año"




