[01-08-2014] O Concello de Ames colaborou coa Dirección Xeral de Tráfico no desenvolvemento da campaña de vixilancia e control de aldohol e drogas, que se levou a cabo entre os días 14 e 20 de xullo. A Policía Local de Ames realizou un total de 167 controis a condutores de vehículos tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, para comprobar se ditas persoas conducían despois de inxerir algún tipo de bebida alcohólica ou algunha substancia estupefaciente. Os resultados desta campaña son moi satisfactorios xa que dun total de 167 controis tan só 3 condutores deron positivo por alcohol. Isto representa un 1,80% sobre o total de controis realizados.
No marco destes controis, os axentes proporcionáronlle información aos condutores sobre a necesidade de conducir sen inxerir ningún tipo de bebida alcohólica ou substancia estupefaciente, que incrementan de xeito considerable o risco de ter un accidente de tráfico. Entre os días 14 e 20 de xullo a Policía Local de Ames realizou un total de 167 controis a condutores de vehículos.
En total, rexistráronse 3 infraccións por dar positivo cunha taxa superior a 0,25 miligramos por cada litro de aire expirado. Estas cifras reflicten que máis do 98% dos condutores dos vehículos controlados circulaban sen consumir ningún tipo de bebida alcohólica. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames envioulle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.
Ademais, a Policía Local de Ames levou a cabo o pasado 29 de xullo unha actuación relacionada cun condutor que circulaba pola rúa de Alcalde Lorenzo, situada en Bertamiráns, baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Os axentes viron que un condutor non lle cedía o paso a unha persoa no paso de peóns da rúa Alcalde Lorenzo e debido a iso déronlle o alto. No momento da detención os axentes advertiron que o devandito condutor despendía un forte olor a alcohol, polo que se procedeu a realizarlle a proba de alcoholemia dando un resultado de 1,15 miligramos por litro de aire expirado. Ante dita circunstancia procedeuse a instruírlle as correspondentes dilixencias.
Consellos para a prevención de delitos
O Concello de Ames recorda que existe un banner na páxina web municipal onde se pode descargar un documento con varios consellos para a prevención de delitos. Neste documento achégase información para a prevención de delitos en vivendas, garaxes e vehículos. Ademais, o Concello de Ames e as forzas e corpos de seguridade solicítanlle aos veciños a súa cooperación, xa que o labor dos axentes é máis efectiva unida á colaboración cidadá.
A colaboración veciñal xoga un papel decisivo como reforzo ao traballo conxunto que desenvolven a Policía Local de Ames e a Garda Civil do Milladoiro na prevención de delitos. Ante a presenza de persoas en actitudes estrañas ou sospeitosas, os axentes recomendan tomar nota dos detalles e avisar ás forzas e corpos de seguridade: Policía Local de Ames (619536405), Garda Civil (062) e Emerxencias (112).
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Só tres condutores deron positivo nos controis de drogas e alcohol de Ames"




