Pestanas principais

A Policía Local de Ames realizou 1.169 controis dentro da campaña sobre o uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil, na que se rexistraron 15 infraccións

Sábado, 22 de marzo de 2014

[22-03-2014] O Concello de Ames colaborou coa Dirección Xeral de Tráfico no desenvolvemento da campaña especial sobre o uso do cinto e dos sistemas de retención infantil, que se levou a cabo entre os días 10 e 16 de marzo. A Policía Local de Ames realizou un total de 1.169 controis en turismos, taxis, autobuses e vehículos de mercancías tanto en Bertamiráns como no Milladoiro, para comprobar se os condutores e acompañantes empregaban correctamente o cinto de seguridade e os sistemas de retención infantil, no caso de ir acompañados por nenos/as.

No marco destes controis, os axentes proporcionáronlle información aos condutores sobre a necesidade de empregar estes sistemas de seguridade, que reducen de xeito considerable o risco de morte en caso de accidente de tráfico. En total, rexistráronse 15 infraccións por non empregar o cinto de seguridade ou os sistemas de retención infantil. Estas cifras reflicten que máis do 98% dos condutores dos vehículos controlados facían uso do cinto e dos sistemas de retención infantil.

Debullando os datos obtidos pola Policía Local de Ames podemos saber que os controis sobre o uso de cinto de suguridade foron feitos a 797 turismos, 7 taxis, 5 autobuses e 55 vehículos de mercancias. As infraccións detectadas foron cometidas por 10 condutores de turismos e 3 pasaxeiros que ían sentados nos asientos dianteiros. En total, realizáronse 1.075 controis sobre o uso do cinto de seguridade. Ademais, realizáronse 94 controis para comprobar se levaban os correspondentes sistemas de retención infantil. Neste caso só se detectaron 2 infraccións.

Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames envioulle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico. O obxectivo destes controis é mellorar a seguridade viaria, xa que o uso dos sistemas de retención infantil homologados e do cinto de seguridade está demostrado que é o sistema de seguridade viaria máis sinxelo, rendible e eficaz.

Segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico, o emprego do uso do cinto de seguridade reduce á metade o risco de morte en caso de accidente, mentres que os sistemas de retención infantil evitan nove de cada dez lesións infantís graves ou mortais. Na actualidade, os datos mostran que as lesións por accidente de tráfico seguen sendo a primeira causa de morte nos nenos maiores de 4 anos.

Outras actuacións 
Nas últimas semanas, a Policía Local de Ames levou a cabo tres actuacións relacionadas con condutores que circulaban baixo a influencia de bebidas alcohólicas e por circular co premiso de conducir retirado. A última destas actuacións rexistrouse o pasado mércores, 12 de marzo, en Bertamirans e nela imputóuselle un delito contra a seguridade viaria a un condutor que foi visto conducindo un vehículo a gran velocidade co permiso de conducir retirado.

O sábado, 8 de marzo, a Policía Local interceptou a un vehículo que intentaba estacionar nunha rúa de Bertamirans. Os axentes detectaron que a condutora presentaba síntomas evidentes de estar baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Unha vez realizada a proba de alcoholemia á condutora, o resultado foi de 0,92 mg/l.

Por outra banda, o pasado domingo 2 de marzo, os axentes da Policía Local acudiron ao lugar de Cantalarrana, en Ortoño, xa que un condutor saíuse da estrada pola que conducía. Unha vez alí, os axentes detectaron que esta persona presentaba síntomas evidentes de estar baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Unha vez realizada a proba de alcoholemia á condutora, o resultado foi de 0,95 mg/l.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Detectan quince infractores en la última campaña de control de tráfico amiense"