[18-02-2014] A Policía Local de Ames realizará a vindeira semana tres charlas informativas no rural amiense que se enmarcan nunha campaña que ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria dos peóns deste municipio. Nesta iniciativa, que se realiza en colaboración coa Dirección Xeral de Trafico, os axentes municipais informarán aos asistentes a estas charlas das normas e consellos para camiñar con seguridade. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a listaxe coas charlas que se van impartir.
A primeira das charlas informativas terá lugar o vindeiro luns, 24 de febreiro, ás 19:30 horas no local social de Augapesada. A seguinte charla celebrarase o mércores, día 26, á mesma hora no local social de Ameixenda. Nesa mesma semana, a Policía Local de Ames tamén se achegará ata o local social de Biduído. Nesta parroquia, a charla terá lugar o venres, 28 de febreiro, ás 19:30 horas. O Concello de Ames informou desta campaña ás diferentes asociacións do municipio para que poidan participar nesta iniciativa o maior número de persoas interesadas posible.
As charlas están pensadas para que os veciños/as do rural amiense poidan reflexionar sobre os riscos que implica o feito de andar por beirarrúas e beiravías en zonas rurais e, en especial, nas épocas do ano nas que se rexistran menos horas de luz. Esta iniciativa ten como obxectivo lograr que os veciños e veciñas, especialmente os de máis idade, camiñen con máis protección e fagan uso dos chalecos reflectores e de elementos que favorezan a súa visibilidade por parte dos condutores.
Control de camións e furgonetas
No marco desta colaboración coa Dirección Xeral de Trafico, a Policía Local de Ames participou no desenvolvemento da campaña especial de vixilancia e control de camións e furgonetas, que se levou a cabo do 10 ao 19 de febreiro. Nesta campaña, os axentes realizaron controis en camións e furgonetas tanto en Bertamiráns como no Milladoiro nos que se levaron a cabo inspeccións técnicas sobre os vehículos (autorizacións e documentos, condicións técnicas e elementos de seguridade, etc..) e sobre os condutores (permiso de condución, tempos e descansos).
Contido relacionado

El Correo Gallego: "A Policía Local de Ames levará a cabo unha campaña informativa sobre seguridade viaria"
La Voz de Galicia: "La Policía Local impartirá charlas en el rural amiense para concienciar a los peatones"




