[14-03-2016] O Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico colaboran na campaña especial sobre o uso do cinto e dos sistemas de retención infantil, que comeza hoxe e se desenvolverá ata o vindeiro 20 de marzo. A Policía Local de Ames colaborará no control do uso do cinto e dos sistemas establecidos para a seguridade dos menores de 12 anos. O obxectivo é mellorar a seguridade viaria, xa que o uso dos sistemas de retención infantil homologados e do cinto de seguridade está demostrado que é o sistema de seguridade viaria máis sinxelo, rendible e eficaz. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames terá que enviarlle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.
En virtude do convenio bilateral básico asinado entre o Concello e Tráfico, a Policía Local colaborará nesta campaña, controlando o uso destes sistemas de seguridade por parte de adultos e menores de 12 anos en turismos, taxis, autobuses e vehículos de mercancías.
O dispositivo especial ponse en marcha o 14 de marzo e prolongarase ata o día 20, durante este tempo os axentes da Policía Local de Ames levarán a cabo a vixilancia e control do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil (SRI), como elementos indispensables, de uso obrigatorio, que reducen de forma notable os índices de sinistralidade asociados aos accidentes de tráfico.
O cinto de seguridade é un elemento de seguridade pasiva, de uso obrigatorio en calquera automóbil; por iso a súa presenza fíxose común, ata o punto de que tal vez non nos deamos conta do importante que é o seu uso. Estímase que en caso de impacto o cinto de seguridade pode reducir o risco de morte para os ocupantes dos asentos dianteiros nun 50%.
Os sistemas de retención infantil, en cada unha das súas diferentes modalidades (capazo, cadeira con arnés, elevador con respaldo ou alzador) son a mellor protección que pode levar un pequeno cando circulan a bordo dun vehículo, e ademais, está esixido por lei.
Un uso correcto dos sistemas de retención infantil, reduce un 75% as lesións en caso de sinistro, evitando o seu impacto contra outros ocupantes e elementos do vehículo. Por iso, é de vital importancia protexer aos máis pequenos cun sistema de retención ata que teña 12 anos ou 1,50 metros de estatura, e comprobar a súa correcta colocación. Un sistema de retención de calidade, ben ancorado e co neno correctamente suxeito mellora eficazmente os resultados en caso de freada brusca ou impacto.
Contido relacionado
El Correo Gallego: "Aumenta la vigilancia para el uso del cinturón de seguridad"
La Voz de Galicia: "Controles de uso del cinturón de seguridad hasta el domingo"