[18-04-2014] Nas últimas intervencións que realizaron os axentes da Policía Local de Ames, dende comezos do mes de abril, incautaron un total de 29,2 gramos de sustancias estupefacientes. Estas sustancias foron incautadas en cinco intervencións diferentes. Ademais, a Policía Local de Ames imputou catro delitos contra a seguridade viaria, a maior parte deles por alcoholemia. Estas son algunhas das actuacións que realizou o corpo de seguridade amiense durante o que vai de mes.
O axentes da Policía Local de Ames realizaron cinco intervencións que se saldaron coa incautación de preto de 30 gramos de sustancias estupefacientes. O pasado día 2 de abril os axentes recibiron varias chamadas informado de que un vehículo estaba sendo conducindo de forma temeraria. Debido a iso, os axentes localizaron o devandito vehículo e déronlle o alto, momento no cal os axentes se decataron de que o condutor estaba baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Nese intre, o condutor ameazou e mostrou unha actitude bastante agresiva contra os axentes, polo que se trasladou a esta persoa ata as dependencias policías co fin de realizarlle a correspondente proba de alcol. Ademais, a esta persoa realizóuselle un cacheo superficial no cal se lle atoparon 3,9 gramos de sustancias estupefacientes. Por todo iso, imputóuselle a esta persoa un delito contra a seguridade viaria, desobediencia, resistencia e ameazas.
Ese mesmo día, os axentes da Policía Local realizaron outra intervención na cal incautaron 0,30 gramos de sustancias estupefacientes na vía pública. Seguindo esta liña de traballo, o día 9 de abril, a Policía Local volveu a realizar outras tres intervencións nas cales incautaron 23,3 gramos; 0,60 e 1,10 gramos de sustancias estupefacientes na vía pública.
Por outra banda, os axentes do corpo de seguridade amiense imputaron outros tres delitos contra a seguridade viaria por dar positivo no control de alcoholemia. O primeiro caso produciuse o pasado 7 de abril en Bertamiráns cando os axentes detectaron a un condutor circulando dun lado ao outro da estrada. Unha vez localizado o vehículo dóuselle o alto ao condutor e procedeuse a realizarlle a proba de alcolemia, dando positivo polo que se lle imputou un delito contra a seguridade viaria.
Os outros dous casos producíronse o pasado 12 de abril na avenida da Peregrina, situada en Bertamiráns. Nesta ocasión a Policía Local de Ames imputoulle unha sanción administrativa a un condutor que dou un resultado de 0,46 mg/l. na taxa de alcolemia, e unha sanción penal a outro condutor que conducía cunha taxa de alcol de 0,82 mg/l.
Atención ante os posibles enganos dos supostos instaladores de gas
Por último, dende a Policía Local de Ames recoméndalle á veciñanza que estea alerta ante os posibles enganos que están realizando uns supostos instaladores de gas que intentan roubar obxectos de valor nas casas. Se teñen algunha dúbida sobre a autenticidade dos operadores que se presentan nos seus fogares poden chamar á Policía Local, a través do teléfono 619 76 75 75, ou á Garda Civil do Milladoiro marcando o 062. No caso de que algún veciño/a caia neste presunto engano debe avisar o máis axiña posible á Policía Local para evitar que se produzan novos casos.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "A Policía Local de Ames incauta preto de 30 gramos de sustancias estupefacientes"
La Voz de Galicia: "La Policía Local de Ames se incauta se 30 gramos de drogas en la vía pública"




