Pestanas principais

A Policía Local de Ames imputou sete delitos contra a seguridade viaria no mes de agosto

Venres, 05 de setembro de 2014

[05-09-2014] A seguridade viaria segue a ser unha prioridade para a Policía Local de Ames. Deste xeito, o corpo de seguridade amiense imputou no mes de agosto sete delitos contra a seguridade viaria, a maior parte deles por alcoholemia. Ademais, imputáronse varios delitos por tentativa de furto, por conducir sen a correspondente licencia despois de perder os puntos legalmente asignados, por atentados contra os axentes da autoridade e por un presunto delito de violencia de xénero.

A Policía Local de Ames imputou sete delitos contra a seguridade viaria no mes de agosto. O primeiro suceso tivo lugar o 4 de agosto en Bertamiráns. Os membros da Policía Local recibiron unha chamada da Garda Civil do Milladoiro avisando de que unha persoa estaba durmido nun vehículo, que estaba estacionado no medio do carril dereito da avenida da Peregrina. Os axentes realízanlle a proba de detección de alcol dando un resultado de 1,25 mg/l.

O segundo suceso detectouse o pasado 9 de agosto cando os axentes do corpo de seguridade amiense detiveron a unha furgoneta de cor branco, que circulaba a gran velocidade, na rúa da Xesteira de Bertamiráns. O condutor presentaba síntomas evidentes de atoparse baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Na proba de detección, o condutor deu positivo cun resultado de 0.81 mg/l. Debido a isto a Policía Local iniciou as correspondentes dilixencias.

O terceiro caso produciuse o 15 de agosto na avenida da Maía, en Bertamiráns, cando os axentes detiveron a unha persoa que circulaba dun lado ao outro da estrada. Tras darlle o alto, e realizarse a correspondente proba de alcol, o condutor dou positivo cun resultado de 0.87 mg/l.

Outro caso detectouse o 23 de agosto cando os axentes realizaban labores de vixilancia do tráfico en Bertamiráns. Nese momento proceden a darlle o alto a un condutor que presenta síntomas evidentes e estar baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Trala correspondente proba dita persoa arroxou un resultado positivo de 0.85 mg/l. O último caso de condución baixo os efectos do alcol produciuse o 23 de agosto na avenida da Maía, en Bertamiráns. Neste caso o condutor deu positivo cun resultado de 0.67 mg/l.

Outras actuacións

A Policía Local tamén imputou varios delitos por tentativa de furto. Un deste casos produciuse nun establecemento comercial do Milladoiro xa que unha persoa intentou subtraer varios colonias deste comercio. Os axentes tamén recuperaron dous vehículos a motor, que estaban denunciados por subtracción dende finais do mes de xullo. Estes dous vehículos foron localizados nunha pista de terra da parroquia de Trasmonte e no aparcadoiro da rúa Lodeiro, que está próximo ao Centro deportivo A Telleira, en Bertamiráns.

Por outra banda, a Policía Local tivo que deter a unha persoa que cometeu unha infracción de tráfico. No momento da súa identificación comprobouse que dita persoa tiña unha orde de personificación no xulgado de Madrid, polo que se procedeu a súa detección e trasladouse ás dependencias da Garda Civil do Milladoiro. O mesmo ocorreu con outra persoa de Castiñeiro de Lobo. Neste caso había unha orde de detección por parte do xulgado de Santiago de Compostela, polo que os axentes achegáronse ata o domicilio de dita persoa, informárono do motivo da súa detección, e trasladárono ás dependencias da Garda Civil do Milladoiro.

Por último, a Policía Local de Ames imputoulle un delito contra a seguridade viaria a unha persoa que conducía sen a correspondente licencia, despois de que perdese todos os puntos legalmente asignados. Outra persoa foi detida por un presunto delito de violencia de xénero. Por último, os axentes imputaron un delito contra a seguridade viaria por un delito de atentado contra os axentes da autoridade e resistencia activa grave. Esta persoa negouse a facer a proba de detección de alcol, e despois de insultar aos axentes, intentounos agredir.