[22-01-2013] A seguridade viaria segue a ser unha prioridade para a Policía local de Ames. Deste xeito, o corpo de seguridade amiense imputou tres denuncias por presuntos delitos contra a seguridade viaria. Estas actuacións enmárcanse dentro da campaña de control de alcolemia que se realizan de forma periódica nas estradas do termo municipal. Ademais, nos próximos meses o Concello de Ames asinará un convenio coa Dirección Xeral de Tráfico que permitirá ampliar e mellorar os servizos que presta o corpo de seguridade amiense.
A Policía local de Ames continúa traballando en prol da seguridade da cidadanía amiense. Durante a última fin de semana denunciou a tres persoas por presuntos delitos contra a seguridade viaria. Estas actuacións enmárcanse dentro dos controles de alcol, que se realizan de xeito rutineiro, co fin de acabar con condutas imprudentes nas estradas que ocasionan accidentes de tráfico. Deste xeito, denunciaron a tres persoas por uns presuntos delitos contra a seguridade viaria. Os feitos tiveron lugar na rúa Poeta da Maía e na rúa Agrelo, situadas en Bertamiráns, así como na rúa da Madalena, no Milladoiro.
O primeiro suceso detectouse o 19 de xaneiro cando a Policía local recibiu unha chamada avisando dun accidente na localidade do Milladoiro. Unha vez que os axentes chegaron á rúa da Madalena, observaron que dous vehículos bateran un contra outro e procederon a realizarlle as probas de alcolemia a ambos os dous condutores. Unha destas persoas dou positivo cun resultado de 0.70 mg/l. Debido a isto a Policía local iniciou as correspondentes dilixencias.
O segundo caso tivo lugar na rúa Agrelo, situada en Bertamiráns, o día 19 de xaneiro. Os axentes policiais déronlle o alto a un vehículo que circulaba polo medio da rúa e coas luces apagadas sendo noite pechada. Os axentes realizáronlle a proba de alcol en aire expirado con un resultado de 1.07 mg/l. sendo o máximo permitido 0.25 mg/l. A continuación, a Policía local abriu as correspondentes dilixencias contra esta persoa.
O terceiro e último caso produciuse o pasado 20 de xaneiro. Este suceso detectouse cando a patrulla de noite da Policía local de Ames estaba realizando un control rutineiro no vehículo policial pola rúa Poeta da Maía, cando observou que un vehículo se incorporaba á circulación en sentido contrario e invadindo parte do carril contrario. Ademais este turismo circulaba a unha velocidade demasiado lenta. Por todo iso, os axentes déronlle o alto e realizáronlle a proba de alcol en aire expirado con un resultado de 0.92 mg/l. Ao igual que nos casos anteriores, a Policía local procedeu a iniciar as pertinentes dilixencias contra este condutor.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Imputan tres denuncias por presuntos delitos contra a seguridade viaria en Ames"




