Pestanas principais

A Policía Local de Ames fai balance das súas actuacións durante o mes de outubro

Luns, 13 de novembro de 2017

[13-11-2017] A detección de persoas circulando polas estradas baixo os efectos do alcohol volveu centrar as actuacións da Policía Local de Ames. O roubo dunha motocicleta e máis de gasóleo, así como o incumprimento dunha orde de afastamento foron outras das actuacións abordadas pola Policía Local do concello, no mes de outubro. O día 22, data na que se celebrou a Carreira Pedestre Popular de Ames, a Policía Local despregou un importante dispositivo con medidas especiais de seguridade, para o control e regulación do tráfico e para a asistencia ás persoas participantes.

O 1 de outubro, a Policía Local de Ames observou, durante a realización do control de peche de establecementos, a presencia dunha persoa conducindo baixo os efectos do alcohol. O mesmo sucedeu o día 10, cando a Policía Local encontrou, despois do aviso de varias testemuñas, unha persoa circulando en estado de embriaguez. Unha vez identificado o condutor do vehículo, procedeuse á realización da proba do etilómetro evidencial, a cal arroxou un resultado positivo.

Tres días despois, o 13 de outubro, a Policía detectou un vehículo en Bertamiráns conducindo a unha velocidade anormalmente reducida. Unha vez realizada a proba de alcoholemia, o resultado foi positivo. En dous dos tres casos, a Policía Local de Ames efectuou as correspondentes dilixencias, remitíndoas ao xulgado de instrución en servizo de garda e citando para xuízo rápido ás persoas implicadas. Nun dos casos, as dilixencias foron enviadas á Garda Civil de Tráfico de Santiago, por mor da vía na que se produciu o delito. 

O 14 de outubro, a Policía Local observou, no Milladoiro, a presencia dun viandante que se aproximaba ao seu vehículo con claros síntomas de encontrarse baixo os efectos do alcohol. Pese ás advertencias dos axentes, o vehículo foi localizado circulando momentos despois. Unha vez realizada a proba de alcoholemia, esta arroxou un resultado positivo. Os axentes realizaron as dilixencias correspondentes, enviáronas ao xulgado de garda e citaron á persoa implicada para xuízo rápido. O día en que se celebrou a Carreira Pedestre Popular de Ames, o 22 de outubro, a Policía Local despregou un importante dispositivo con medidas especiais de seguridade, para o control e regulación do tráfico e para a asistencia ás persoas participantes. 

As actuacións en materia de seguridade viaria e control e vixilancia do tráfico complementáronse coa realización, o 27 de outubro, dun control de documentos de vehículos e detección de bebidas alcohólicas en Bertamiráns, que tivo como resultado a incoación de dúas denuncias administrativas por condución baixo os efectos do alcohol. O 28 de outubro, tamén se efectuou unha proba de alcoholemia, da que se obtivo un resultado positivo. A Policía Local denunciou os feitos pola vía administrativa. O 31 de outubro, leváronse a cabo varios controis preventivos de alcohol e drogas, que remataron con cinco denuncias vía administrativa e unha denuncia pola vía penal por condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Dentro do mesmo control, tamén se iniciaron cinco denuncias por conducir sen o cinto de seguridade posto. 

Roubos e un incumprimento dunha orde de afastamento
O 6 de outubro, a Policía Local de Ames realizou as xestións pertinentes por causa do roubo dunha motocicleta en Bertamiráns. Ese mesmo día, tamén se levaron a cabo as dilixencias correspondentes por mor dun roubo de gasóleo en Pardiñas, que foron continuadas pola Garda Civil do Milladoiro. O 25 de outubro, a Policía Local foi alertada da presenza dun varón, no Milladoiro, que presuntamente estaba a incumprir unha orde de afastamento da súa ex parella. Unha vez localizada a persoa en cuestión, comprobouse a vixencia da orde de afastamento e procedeuse á detención da persoa e, posterior, traslado ao cuartel da Garda Civil do Milladoiro.

Por último, o 27 de outubro, a Policía Local recibiu, pola noite, un aviso dun particular que alertaba do consumo de alcohol no interior do recinto do Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Unha vez no lugar, as dúas patrullas que estaban de servizo procederon á identificación de todas as persoas presentes, así como ao cacheo e revisión de obxectos persoais, o que derivou en dúas denuncias por tenencia de substancias estupefacientes e catro denuncias por consumo de alcohol por menores.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Alcoholemias, órdenes de alejamiento y robos en Ames"