Pestanas principais

A Policía Local de Ames estivo realizando un control especial por mor de posibles defraudadores de compañías eléctricas

Mércores, 29 de marzo de 2017

[29-03-2017] A comezos deste mes de marzo a Policía Local estivo realizando un control especial por mor de posibles defraudadores de compañías eléctricas na zona de Ames, concretamente en Bertamiráns e no Milladoiro, podendo identificar a varias persoas, que ofertaban produtos comerciais, sen ter, neste caso, maiores repercusións policiais. Ademais, dende o corpo de seguridade amesán dáse conta do resultado da campaña de control do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil realizada do 13 ao 19 de marzo.

O pasado día 1 de marzo pola noite, os axente policiais recibiron unha alerta duns veciños de Bertamiráns por mor dun accidente na rúa Paraxó. Trasladados inmediatamente ao lugar dos feitos, detectaron que o condutor do vehículo, que non presentaba lesións, atopábase baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Unha vez feitas as correspondentes probas arroxou os resultados de 1,03 e 0,96 mg/l, instruíndose as correspondentes dilixencias e citándose a dita persoa para un xuízo rápido. Asemade, remitíronselle as dilixencias ao xulgado de instrución en servizo de garda correspondente.

Un días despois, o 4 de marzo, na quenda de tarde, os axentes foron requiridos por parte da propietaria dun local hostaleiro de Bertamiráns, ante a presenza dun varón con síntomas de estar ebrio e cun neno pequeno. Achegados a dito lugar, verificáronse os feitos e púxose en marcha o protocolo que se segue nestes casos. Do sucedido remitíuselle o correspondente informe á Fiscalía de menores. A Policía Local tamén tivo que intervir o día 5 de marzo ante o aviso dunha persoa que alertou dun varón que tiña intención de suicidarse. Localizouse á persoa en cuestión e trasladárona ao centro médico para a súa revisión por mor dunha medicación que tomara, sendo preciso, a posteriori, o seu traslado o CHUS.

Durante este mes de marzo os axentes policiais acudiron a dous establecementos hostaleiros por mor de dúas pelexas que foron solucionadas sen maiores incidencias. Noutra caso acudiron polo aviso que deu o/a propietario/a dun local hostaleiro de Bertamiráns, ao que lle cortaron as rodas do seu coche. Achegados ao lugar dos feitos verificáronse os feitos e realizáronse as xestións oportunas en compañía da Garda Civil. O pasado 17 de marzo, na quenda de tarde, detiveron a un varón que ameazara con arma branca a varios viandantes en Bertamiráns, así como agredira a dous garda civís despois de varias pelexas en locais da zona.

Por outra banda, o pasado 21 de marzo, na quenda de noite, os axentes policiais recibiron aviso dun vehículo que circulaba en dirección contraria pola autovía AG-56, dirección Brión. Trasladados inmediatamente ao lugar dos feitos, localizaron e interceptaron o vehículo. O condutor presentaba síntomas evidentes de encontrarse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, dando un resultado no control que se lle realizou de 0,87 mg/l. Deste xeito, instruíronse as correspondentes dilixencias por parte de Garda Civil de Tráfico.

Campaña de control do uso do cinto de seguridade
Ademais, entre os días 13 e 19 de marzo a Policía Local de Ames colaborou coa Dirección Xeral de Tráfico na campaña especial sobre o uso do cinto e dos sistemas de retención infantil. Os axentes policiais controlaron o uso do cinto e dos sistemas establecidos para a seguridade dos menores de 12 anos.

Realizáronse 1.190 controis a condutores (1.162 condutores de turismos, 8 condutores de taxis, 11 condutores de autobuses e 9 condutores de vehículos de transporte de mercancías) dos cales tan só 1 non levaba posto o cinto de seguridade. Asemade, realizouse o mesmo control sobre 382 pasaxeiros/as, que circulaban sentadas no asento dianteiro, e sobre 189 que circulaban nos asentos traseiros. Destes 571 pasaxeiros/as tan só 3 circulaban sen poñer o cinto.

No que se refire aos sistemas establecidos para a seguridade dos menores de 12 anos fixéronse 144 controis (9 que ían colocados nos asentos dianteiros e 135 nos asentos traseiros) dos cales tan só 1 non cumpría coa normativa.

Contido relacionado


El Correo Gallego: "Controis en Ames por mor de posibles defraudadores de compañías eléctricas"
El Correo Gallego: "La Policía de Ames logró sacar de circulación a varios sujetos con alto grado de alcoholemia"