[17-02-2015] A Policía Local de Ames está a desenvolver dende o pasado venres unha campaña de control de velocidade cun novo vehículo cedido pola Dirección Xeral de Tráfico, grazas a un convenio de colaboración asinado co Concello amesán. O coche está equipado cun radar e un etilómetro para realizar controis de alcoholemia. Axentes de seguridade municipais controlarán a circulación dos vehículos nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro, así como nas zonas próximas aos centros de ensino, así como en puntos nos que os veciños se queixan de que os automóbiles circulan a máis velocidade da permitida.
O alcalde de Ames, Santiago Amor, explicou que este tipo de campañas “están dirixidas a reforzar e mellorar a seguridade viaria do tráfico rodado e dos peóns”. O rexedor municipal engadiu que “o Concello de Ames traballa, especialmente, na concienciación da poboación xuvenil en materia de seguridade viaria”.
Outras actuacións
Durante o mes de xaneiro e a primeira quincena de febreiro a Policía Local de Ames realizou diferentes actuacións, entre as que destacan a detención de varias persoas por subtraer diversos obxectos do interior dos coches que estaban estacionados no aparcadoiro da rúa Agro do Medio, no Milladoiro. Tamén se detivo a outras persoas pola subtracción dun vehículo no Milladoiro.
Por outra parte, imputáronse dous delitos contra a seguridade viaria por conducir un coche e unha motocicleta baixo os efectos do alcohol. Ademais, os axentes da Policía Local abríronlle dilixencias a unha persoa por intento de roubo e agresión; a un condutor por unha infracción de tráfico e proferir ameazas e insultos aos axentes; e a dúas persoas por circular co permiso de conducir sen puntos. Por último, a Policía Local tamén interveu nun posible caso de violencia de xénero.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La Policía de Ames pone en marcha una campaña de control de velocidad"




