[25-02-2014] A Policía Local de Ames está impartindo unha serie de charlas informativas no rural amiense, que se enmarcan nunha campaña que ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria dos peóns deste municipio. Nesta iniciativa, que se realiza en colaboración coa Dirección Xeral de Trafico, os axentes municipais informarán aos asistentes a estas charlas das normas e consellos para camiñar con seguridade. Premendo no enlace que está a túa dereita, baixo o apartado de descargas, poderás obter a listaxe coas charlas que se van impartir.
A primeira das charlas informativas tivo lugar este luns, 24 de febreiro, ás 19:30 horas no local social de Augapesada. A seguinte charla celebrarase o mércores, día 26, á mesma hora no local social de Ameixenda. Nesa mesma semana, a Policía Local de Ames tamén se achegará ata o local social de Biduído. Nesta parroquia, a charla terá lugar o venres, 28 de febreiro, ás 19:30 horas. O Concello de Ames informou desta campaña ás diferentes asociacións do municipio para que poidan participar nesta iniciativa o maior número de persoas interesadas posible.
As charlas están pensadas para que os veciños/as do rural amiense poidan reflexionar sobre os riscos que implica o feito de andar por beirarrúas e beiravías en zonas rurais e, en especial, nas épocas do ano nas que se rexistran menos horas de luz. Esta iniciativa ten como obxectivo lograr que os veciños e veciñas, especialmente os de máis idade, camiñen con máis protección e fagan uso dos chalecos reflectores e de elementos que favorezan a súa visibilidade por parte dos condutores.