Pestanas principais

A Policía Local de Ames e a Garda Civil dan por esclarecida a situación vivida no CEIP A Maia o pasado día 11 de setembro.

Venres, 19 de setembro de 2014

[19-09-2014] Desde o día 11 de setembro membros da Policía Local de Ames e da Garda Civil mantiveron operativo un dispositivo especial de vixilancia nas inmediacións dos colexios de Ames. O motivo fóra que presuntamente ese día un home quixera levarse a un menor de seis anos á saída das clases no CEIP A Maia. A partir dese momento creceu a alarma social ao estenderse o rumor de que un pederasta podía estar actuando en Ames. Días máis tarde o neno identificou a persoa que presuntamente quixera levalo. Resultou ser un avó que confundira ao menor co seu propio neto. De todos os xeitos, o esclarecemento dos feitos non evitará a presenza das patrullas de vixilancia rutineiras nas inmediacións dos Centros Educativos que de xeito habitual fai a Policía Local de Ames en colaboración coa Garda Civil de Milladoiro.

A alarma social levantábase entre a comunidade educativa de Ames o pasado día 11 de setembro despois de que á saída das clases no CEIP A Maia, presuntamente un home quixera levarse a un neno menor de seis anos. Diante desta situación e ante a posibilidade de que a presunta acción delitiva puidera ter sido levada a cabo por un descoñecido, a Garda Civil e a Policía Local activaron un dispositivo especial de vixilancia, composto por axentes de ámbolos dous corpos de seguridade. Este dispositivo mantívose activo na contorna de todos os centros educativos do Concello ata que se esclareceron os feitos. Os membros da Policía Local e da Garda Civil que formaron parte deste dispositivo especial de vixilancia actuaron tanto vestidos de uniforme como de paisano para pasar de incógnito e que a investigación puidera facerse mais efectiva.

Segundo fontes da investigación, o día 17 de setembro o presunto autor dos feitos foi recoñecido polo menor. A nai do rapaz informou entón á policía que procedeu á identificación da persoa en cuestión. Unha vez realizada a correspondente investigación, comprobouse que se trataba dunha falsa alarma posto que a persoa identificada resultou ser un avó que nun primeiro momento confundira a identidade do neno cando ía recoller ao seu propio neto á saída do colexio.

De todos os xeitos, esta circunstancia non evitará a presenza das patrullas de vixilancia rutineiras nas inmediacións dos centros educativos do Concello que de xeito habitual fai a Policía Local de Ames en colaboración coa Garda Civil de Milladoiro. O Concello deulle traslado tanto á dirección do centro como a ANPA da resolución dos feitos.