[05-06-2015] O Concello de Ames vén de adquirir vinte e cinco novos chalecos antibalas e anticorte para os axentes que forman a plantilla do corpo de seguridade amesán. Estes novos chalecos permitiranlles enfrontarse a calquera situación de risco na súa actividade diaria. Esta iniciativa enmárcase dentro do plan de mellora do material de traballo da Policía Local de Ames, que está levando a cabo o goberno municipal. A Administración local investirá 15.125 euros na adquisición destes chalecos que permitirán mellorar a seguridade dos axentes amesáns.
Agora, dáse un paso máis para mellorar o material de traballo do que dispón a Policía Local co obxectivo de incrementar a seguridade dos axentes. Deste xeito, vaise dotar de forma individual a todos os axentes con chalecos antibalas e anticorte de última xeración, o que permitirá mellorar de forma considerable as súas condicións de seguridade. Trátase de vinte e cinco unidades de chalecos NIDEC modelo LITEFIT. Estes chalecos protexen as zonas vitais do torso e teñen un peso medio de quilo e medio.
O alcalde en funcións, Santiago Amor, explica que “coa adquisición destes novos chalecos pretendemos renovar o material da Policía Local. Ademais, buscamos garantir a seguridade dos axentes nas súas intervencións e buscar a súa protección ante calquera situación de risco que leva consigo o seu traballo”.
Esta semana o alcalde en funcións de Ames, Santiago Amor, e a concelleira en funcións de Seguridade, Ana Ruso, estiveron nas dependencias da Policía Local cos axentes do corpo de seguridade amesá, que estiveron probando os novos chalecos que comprará o Concello de Ames. Ata estas instalacións municipais achegouse un representante da empresa que subministrará este material.
Durante o último ano dende o goberno local renovouse o parque automobilístico da Policía Local coa adquisición de dous novos vehículos, equipados con kit policial. Ademais, actualmente estase levando a cabo un proceso de licitación para comprar un novo vehículo todo terreo equipado con kit policial. Deste xeito, o goberno municipal está cumprindo o compromiso de ir renovando o parque automobilístico da Policía Local que contaba con bastantes anos de antigüidade.
Contido relacionado
La Voz de Galicia: "La Policía Local de Ames recibe chalecos antibalas que cuestan 15.125 euros"