[11-04-2013] Axentes da Policía Local de Ames detiveron a un home no Milladoiro cando tentaba roubar gasóleo dun camión que se atopaba estacionado na Travesía do Porto. Os feitos ocorreron de madrugada, cando a Policía Local recibiu a chamada dun veciño na que se informaba da posibilidade de que nesta zona se estivese producindo un roubo de combustible a un camión.
Unha vez na zona, os axentes detectaron un vehículo estacionado na marxe dereita da vía e a existencia dunha garrafa de plástico, de aproximadamente 25 litros, situada ao lado do camión, apreciándose como saía unha mangueira do mesmo, que se atopaba vertendo combustible no recipiente. Ademais, apreciábase unha mancha de combustible derramada pola vía.
Na inspección da zona, os axentes da Policía Local de Ames detectaron un turismo aparcado detrás do camión, no interior do que se atopaba un home de 32 anos. No interior do seu vehículo, os axentes atoparon unha garrafa de color gris completamente chea de gasóleo. Ademais, localizáronse outras dúas garrafas e unha mangueira empregada para a extracción do gasóleo. Tras poñer a disposición da Garda Civil do Milladoiro os elementos intervidos, a Policía Local procedeu a instruír dilixencias ao Xulgado por unha suposta falta de furto de gasóleo.
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Deteñen a un home no Milladoiro cando tentaba roubar gasóleo dun camión estacionado"
La Voz de Galicia: "Detenido en Milladoiro al intentar robar el gasoil de un camión"




