Pestanas principais

A Policía Local de Ames detivo a dúas persoas polo roubo de máis de 4.300 metros de cable de cobre do alumeado público de dúas rúas de Bertamiráns

Mércores, 12 de xuño de 2013

[12-06-2013] A Policía Local de Ames detivo na madrugada do 7 de xuño a dúas persoas polo roubo de máis de 4.300 metros de cable de cobre de alumeado público nas rúas Rueiro e Arrucheiro, situadas no centro urbano de Bertamiráns. Os axentes sorprenderon aos dous homes de madrugada cando se atopaban na zona e aínda gardaban o cable no interior do seu vehículo. Segundo os cálculos estimados polo Concello de Ames, o cable ten un valor superior aos 16.430 euros, unha cifra á que habería que sumar os custes de reposición e a man de obra de colocación.

Os feitos aconteceron na madrugada do 7 de xuño, cando os axentes da Policía Local que patrullaban pola zona do Pedregal comprobaron que a rúa Rueiro se atopaba sen alumado público, cando na ronda anterior, realizada unha hora e media antes, si que contaba con luz. Ante estes feitos, os axentes procederon a comprobar dita rúa observando que a paralela, a rúa Arrucheiro, tamén se atopaba sen alumado. Nesa rúa atopábase un vehículo que tiña a luz do interior do habitáculo acendida e no que había dúas persoas no seu interior, cuxas identidades responden ás iniciais J.M.R.R. e F.J.R.P., ambos residentes en Santiago de Compostela.

No rexistro do vehículo atopouse unha gran cantidade de cable de cobre nos asentos traseiros e no maleteiro, que os sospeitosos aseguraban ter atopado na zona. No turismo tamén se localizaron diversas ferramentas como tenazas de cortar cable, alicates ou destornilladores. Seguidamente, as dúas persoas foron trasladadas ao cuartel da Garda Civil do Milladoiro en calidade de detidos por un presunto delito de furto de cable de cobre. Ademais, ata o lugar desprazouse unha patrulla da Garda Civil, que fora alertada polos axentes.

Balance de actuacións
Desde o pasado 15 de maio, a Policía Local de Ames imputou cinco delitos contra seguridade viaria a condutores que se negaron a someterse ás probas de alcolemia ou que circulaban sen puntos no carné de conducir. Ademais, abriron dilixencias por unha falta de furto de combustible, por provocar danos nun inmoble e pos unha suposta sustracción de material. Nos últimos días, colaboraron na campaña especial sobre distraccións ao volante posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico.

A pasada semana, os axentes da Policía Local de Ames imputaron dous delitos de desobediencia por negativa a realizar as probas de alcolemia. Un dos casos rexistrouse o pasado 2 de xuño en Bertamiráns, cando os axentes detectaron a un vehículo que circulaba en zig zag pola estrada. Unha vez detido o vehículo, o condutor negouse a facer a proba de alcoholemia. Só un día despois, e tamén en Bertamiráns, outro condutor negouse a facer a proba e foille imputado, ademais, un delito de ameazas e resistencia grave á autoridade.

Dúas semanas antes, entre os días 13 e 15 de maio, a Policía Local imputou outros tres delitos contra a seguridade viaria no Milladoiro e en Bertamiráns. No primeiro dos casos, localizouse a un condutor que circulaba cun permiso de conducir que perdera a súa vixencia. Dous días despois, foron interceptados outros dous condutores en Bertamiráns e no Milladoiro que circulaban, un deles sen permiso de condución e o outro sen puntos.

Ademais, os axentes da Policía Local abriron dilixencias a dúas persoas en Bertamiráns por unha suposta falta de furto de combustible dun camión que se atopaba estacionado na Avenida da Peregrina. Outras dúas persoas foron localizadas despois de supostamente provocar danos nun inmoble e outras dúas foron interceptadas pola Policía Local cando transportaban unha grande cantidade de ferro procedente do campo de fútbol de As Pateiras, en Bertamiráns.

Ata o 9 de xuño, a Policía Local de Ames estivo colaborando coa campaña especial sobre distraccións ao volante posta en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico. A través desta campaña, os axentes proporcionáronlle información aos condutores sobre os principais motivos que producen distraccións ao volante. Tamén se controlou aos condutores por se empregaban ou manipulaban durante a condución pantallas de acceso á internet, monitores, reprodutores de vídeo, DVD ou navegadores.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Detienen a dos compostelanos en Ames tras robar cobre de la red"
El Correo Gallego: "Deteñen en Ames a dúas persoas polo roubo de máis de 4.300 metros de cable de cobre"