[21-03-2012] A Policía Local de Ames fixo balance das incidencias rexistradas nos últimos días no concello, destacando a detención o pasado luns día 19 do autor dun roubo no interior dun vehículo, que foi sorprendido in fraganti polo propio propietario do automóbil. O dono do coche retivo ao infractor ata a chegada dos axentes policiais, que procederon á detención do sospeitoso identificándoo posteriormente como o autor dun feito similar ocorrido a semana pasada. Na madrugada de onte, a Policía Local detivo tamén a un condutor que se negou a realizar a proba de alcoholemia en dependencias policiais tras dar 0,92 mg/l no etilómetro de aproximación. O infractor mantivo unha actitude agresiva, empurrando a un axente e propinando patadas ao mobiliario, polo que se lle imputan sendos delictos contra a seguridade viaria e ameazas. Na tarde do sábado 17, identificouse ademais a un mozo de 24 anos pola rotura do cristal da cabina telefónica da Praza de Chavián. Esta mesmo persoa xa fora vista e identificada o ano pasado por romper un cristal da cabina telefónica da Praza do Concello.
A primeira detención produciuse na tarde do pasado luns día 19 cando unha patrulla da Policía Local foi advertida por un transeúnte de que un home sorprendera a unha persoa roubando no interior do seu vehículo e que o mantiña retido cos seus propios medios. Inmediatamente, os axentes achegáronse ao lugar dos feitos, á altura do número 62 da Avenida da Maía, e observaron como o propietario do automóbil tiña agarrado ao sospeitoso. Díxolles que o atopara roubando no interior do seu coche despois de forzar a porta do vehículo. A patrulla procedeu á detención, tras inmobilizar ao infractor no chan e informarlle dos seus dereitos. O detido, que levaba un destornillador entre as súas pertenzas, foi identificado como o autor dun feito similar ocorrido a semana pasada. A Policía Local entregou ao detido no cuartel da Garda Civil do Milladoiro para continuar coas dilixencias.
Na madrugada de onte, sobre as 00:45 horas, a Policía Local procedeu tamén á detención dun condutor que estivo a punto de colisionar contra uns vehículos estacionados na Avenida da Maía cando reiniciaba a marcha a grande velocidade tras deterse nun semáforo. Os axentes activaron entón os dispositivos acústicos e luminosos e procederon a darlle o alto pero, nun primeiro momento, o conducor fixo caso omiso. O coche detívose uns 300 metros máis adiante e a patrulla comprobou que o condutor presentaba síntomas evidentes de estar baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Na proba de detección efectuada co etilómetro de aproximación, o condutor rexistrou 0,92 mg/l de aire espirado. Cando foi trasladado a dependencias policiais, o infractor negouse a realizar unha segunda proba de detección e comezou a amosar unha actitude agresiva, chegando a empurrar a un dos axentes e propinando patadas ás cadeiras e ás mesas da habitación. O condutor foi detido por sendos delictos contra a seguridade viaria e ameazas. Posteriormente, a Policía Local púxoo a disposición da Garda Civil do Milladoiro.
Na tarde do sábado 17, a Policía Local recibiu unha chamada que denunciaba que un mozo acabada de golpear e romper o cristal da cabina telefónica da Praza de Chavián. Cando os axentes chegaron puideron identificar ao infractor coa axuda das testemuñas das persoas que se atopaban na praza. O mozo, de 24 anos, estaba aínda falando por teléfono e tiña un corte na man dereita polo que perdía sangue. Segundo os datos da Policía Local, esta mesma persoa xa fora vista e identificada o ano pasado por romper un cristal da cabina telefónica da Praza do Concello.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "Un amiense retiene a un ladrón que le desvalijaba el coche"




