Pestanas principais

A Policía Local de Ames desarticula no Milladoiro un punto de venda de drogas ao por menor

Martes, 04 de febreiro de 2014

[04-02-2014] A Policía Local de Ames conseguiu desarticular a semana pasada un punto de venda de drogas a pequena escala que operaba no núcleo do Milladoiro. Esta actuación permitiu a identificación de cinco persoas, un deles menor de idade, ás que lle foron incautados estupefacientes, como hachís, marihuana e outras sustancias estupefacientes, así como diñeiro en metálico e tres teléfonos móbiles.

A desarticulación deste punto de venda de drogas ao por menor no Milladoiro enmárcase na operación de reforzo da presenza das forzas de seguridade no entorno dos centros de ensino secundario de Ames, unha cuestión que foi abordada a semana pasada na Xunta Local de Seguridade do municipio.

Un dos detidos nesta operación desenvolvida no Milladoiro admitiu ante os axentes da Policía Local o destino das sustancias estupefacientes, recoñecendo que o seu obxectivo era a venda. Por esta razón, foi detido un sospeitoso, de iniciais J.S.N.D.A. por un presunto delito contra a saúde pública. Tanto o detido como as sustancias estupefacientes foron trasladados ás dependencias do cuartel da Garda Civil do Milladoiro para continuar as dilixencias e a realización das actuacións pertinentes. Asimesmo, outro dos sospeitosos foi trasladado ás dependencias da Garda Civil a efectos de identificación por non portar a súa documentación persoal.



Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Desarticulado un punto de venta de droga en Milladoiro"
El Correo Gallego: "Golpe de la Policía Local de Ames al menudeo de drogas en O Milladoiro"