Pestanas principais

A Policía Local de Ames dá conta das actuacións realizadas en febreiro e colabora na campaña de control do uso do cinto de seguridade

Mércores, 15 de marzo de 2017

[15-03-2017] Durante o pasado mes de febreiro os axentes da Policía Local realizaron diversas actuacións en prol da seguridade viaria, asistiron a condutores en accidentes, atenderon diversas incidencias por mor do temporal, participaron en controis de alcoholemia, etc. Ademais, ao longo desta semana están participando nunha campaña de control do uso do cinto e dos sistemas de retención infantil. O obxectivo é mellorar a seguridade viaria, xa que o uso dos sistemas de retención infantil homologados e do cinto de seguridade está demostrado que é o sistema de seguridade viaria máis sinxelo, rendible e eficaz.

Na primeira fin de semana de febreiro os axentes da Policía Local atenderon diversas incidencias por caídas de árbores, sinais, valados, cables de tendido eléctrico, caídas de tellas, etc. A incidencia que máis problemas causou foi a caída dun poste no lugar de Ventosa, á altura do Alto do Vento, sendo precisa a regulación do tráfico neste lugar. Ademais, a mediados do mes de febreiro, a Policía Local tivo que intervir nun accidente laboral en Bertamiráns. Neste caso foi preciso solicitar a asistencia dos servizos do 061 para o traslado do accidentado ao hospital Clínico de Santiago de Compostela.

En canto, aos controis de alcol realizados en febreiro, detectáronse tres condutores que conducían os seus vehículos baixo a influencia de bebidas alcohólicas. No primeiro caso cursouse unha denuncia administrativa por non superar os límites para instruír dilixencias xudiciais. O segundo condutor detectado deu uns resultados de 1,08 e 1,08 mg/l, instruíndose as correspondentes dilixencias citándose ao devandito condutor para xuízo rápido. O terceiro caso detectouse no Milladoiro e ao igual que o condutor anterior tamén se instruíron as dilixencias oportunas para citalo nun xuízo rápido.

Os axentes policías tamén interviron en dúas pelexas rexistradas en locais de Bertamiráns e do Milladoiro. Asemade, actuaron nun incendio producido na sucursal bancaria de La Caixa, en Bertamiráns, onde foi necesaria a presenza do Grupo de Emerxencias e Brión para apagar os rescaldos de lume e airear a zona cun ventilador. Os axentes da Policía Local realizaron unha inspección da zona para realizar investigacións posteriores.

Por outra banda, a Policía Local tivo que acudir a un establecemento hostaleiro de Bertamiráns despois de recibir unha chamada telefónica por parte dunha persoa que sufrira unha agresión. Os axentes achegáronse ao lugar dos feitos, identificaron aos presentes e foi preciso trasladar en ambulancia ao PAC a unha das persoas presuntamente agredidas. Ademais, tiveron que acudir a un accidente na avenida da Maía, onde se atoparon cinco vehículos implicados e tres feridos, un deles crítico, e con resultado de alcoholemia positiva e drogas.

A Policía Local tamén foi requirida por unha veciña do Milladoiro debido a que a súa parella caera no salón e non podía levantarse. Desprazáronse ata o lugar dos feitos para axudar a levantar a esta persoa. Ademais, o luns 27 de febreiro, os axentes policiais colaboraron no desenvolvemento da Festa de Entroido regulando o tráfico e velando pola seguridade viaria de todos os veciños e veciñas que estaban nas rúas de Bertamiráns e do Milladoiro.

Campaña de control do uso do cinto de seguridade
Por último, hai que indicar que o Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico están colaborando na campaña especial sobre o uso do cinto e dos sistemas de retención infantil, que se desenvolverá ata o vindeiro 19 de marzo. A Policía Local de Ames está colaborando no control do uso do cinto e dos sistemas establecidos para a seguridade dos menores de 12 anos.

O obxectivo é mellorar a seguridade viaria, xa que o uso dos sistemas de retención infantil homologados e do cinto de seguridade está demostrado que é o sistema de seguridade viaria máis sinxelo, rendible e eficaz. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames terá que enviarlle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.

O cinto de seguridade é un elemento de seguridade pasiva, de uso obrigatorio en calquera automóbil; por iso a súa presenza fíxose común, ata o punto de que tal vez non nos deamos conta do importante que é o seu uso. Estímase que en caso de impacto o cinto de seguridade pode reducir o risco de morte para os ocupantes dos asentos dianteiros nun 50%. Asemade, os sistemas de retención infantil, en cada unha das súas diferentes modalidades (capazo, cadeira con arnés, elevador con respaldo ou alzador) son a mellor protección que pode levar un pequeno cando circulan a bordo dun vehículo, e ademais, está esixido por lei.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Policía Local de Ames localizó en febrero a dos conductores que viajaban ebrios"