Pestanas principais

A Policía Local de Ames dá conta das actuacións realizadas ao longo do 2017

Sábado, 24 de marzo de 2018

[24-03-2018] No 2017, as e os axentes da Policía Local de Ames realizaron diversas actuacións que estiveron vinculadas á seguridade viaria, á intervención en denuncias por furto, á asistencia a condutores en accidentes, á atención de diferentes incidencias por mor do mal tempo ou á participación en controis de alcoholemia, entre outras. Todo para garantir a boa convivencia e a seguridade das veciñas e veciños do concello.

Os ámbitos de actuación da Policía Local son numerosos, así como múltiples son as súas actuacións ao longo do ano, atendendo a diferentes problemáticas e áreas de acción co obxectivo de garantir unha boa convivencia entre as veciñas e veciños do concello. O control e a intervención de estupefacientes é unha destas áreas, sobre todo no que atinxe ás persoas menores de idade, xa que das 14 actas de intervención de substancias que se realizaron no 2017, a maioría foron feitas a menores de idade. Ademais, ao longo do ano pasado, a Policía Local realizou 16 probas de drogas, arroxando un resultado positivo 8 delas.

Alén destas, as intervencións da Policía Local tamén englobaron outros traballos que estiveron ligados á vixilancia e cumprimento de decretos relativos aos establecementos, ao medio ambiente, á venta ambulante ou ao urbanismo, entre outros. Así mesmo, a Policía Local tivo que atender asemade a súa labor administrativa, rexistrando no 2017 un total de 526 documentos de entrada de diversos organismos tales como o Concello, os Xulgados, a Xunta de Galicia ou de particulares, así como 1.670 documentos de saída.

Do mesmo xeito, a Policía Local tamén tivo que atender, durante o pasado ano, ás localizacións permanentes ordenadas polos xulgados para aquelas persoas que substituíron as súas condenas por penas privativas de liberdade nos seus domicilios. Así, no 2017, realizáronse un total de 10 localizacións de diferentes duracións: 2, 23, 2, 37, 15, 16, 32, 21, 9 e 15 respectivamente.

En canto á asistencia a xuízos por parte das e dos axentes da Policía Local, estes acudiron a 17 en Xulgados de Instrución, a 92 no Penal de Santiago de Compostela, a 4 no Contencioso Administrativo de Santiago e a 1 na Audiencia Provincial da Coruña; o que suma unha cifra de 114 citacións a xuízos ao longo do ano.

Os obxectos perdidos tamén foi outro dos ámbitos de actuación da Policía Local, posto que practicamente a diario, as veciñas e veciños de Ames entregaron nas dependencias policiais obxectos extraviados como gafas, cazadoras, teléfonos móbiles ou diñeiro, que na maioría das ocasións acabaron por ser devoltos as súas donas e donos. A Policía Local de Ames contabilizou en todo o 2017, un total de 436 obxectos perdidos.

A seguridade cidadá foi outro dos eixos fundamentais do traballo que día a día desenvolveu a Policía Local de Ames, a través de medidas de prevención, mantemento e restablecemento. No 2017, a Policía Local rexistrou 107 atestados remitidos tanto ao Xulgado como á Fiscalía e á Garda Civil.
Control e vixilancia do tráfico 
Dentro das competencias da Policía Local tamén estivo, como todos os anos, a de ordenar, sinalar e dirixir o tráfico no casco urbano; unha labor fundamental á hora de previr accidentes e de conseguir unha maior seguridade viaria. Así, no exercicio 2017, formuláronse 1.244 denuncias por infraccións de tráfico e instruíronse 69 dilixencias de prevención por accidentes. 

Ademais, ao longo do pasado ano, cumprimentáronse 48 infraccións administrativas por condución baixo os efectos das bebidas alcohólicas, 18 por condución sen habilitación, 1 por condución neglixente ou temeraria, 22 pola circulación cun vehículo sen ter concertado o seguro obrigatorio e 44 por circular cun vehículo coa ITV caducada. Da mesma forma, no 2017, tamén se instruíron 31 atestados por infracción penal, que foron remitidos ao xulgado por tratarse de delitos contra a seguridade viaria, repartidos en 28 atestados por alcoholemia positiva e tres atestados por condución sen permiso. 

No 2017, a Policía Local realizou asemade 64 informes e expedientes por abandono de vehículos. O guindastre, pola súa banda, efectuou 25 intervencións, na maioría dos casos por estaren os vehículos a entorpeceren o paso doutras usuarias e usuarios. 

Cómpre destacar, igualmente, que a Policía Local desenvolveu unha campaña educativa, cuxo obxectivo foi o de concienciar ás máis cativas e cativos do Concello acerca da importancia da seguridade viaria. Encadradas neste proxecto, a Policía Local de Ames realizou unha serie de sesións formativas nos centros de ensino CEIP A Maía, IES de Bertamiráns e CEP de Ventín. 

Con respecto á seguridade viaria, a Policía Local de Ames tamén se adscribiu a un conxunto de campañas promovidas pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), como foron a campaña especial de vixilancia e control de camións e furgonetas, a campaña de control de condicións de vehículos e a campaña especial sobre o cinto e o casco de seguridade e sobre os dispositivos de retención infantil. 

A Policía Local de Ames tamén levou a cabo actuacións conxuntas coa Garda Civil do Milladoiro, na realización de controis de vehículos e locais ou na vixilancia e control de vivendas para evitar posibles roubos. Así mesmo, as e os axentes da Policía Local tamén colaboraron en diferentes operativos coa agrupación de Protección Civil do concello, no desenvolvemento de eventos de diferente índole ou na posta en marcha de medidas adoptadas por causa do mal tempo.


Contido relacionado


El Correo Gallego: "La Policía de Ames levantó un atestado por seguridad ciudadana cada tres días"