Pestanas principais

A Policía Local de Ames dá conta das actuacións feitas dende comezo de ano

Xoves, 23 de febreiro de 2017

[23-02-2017] No que vai de ano os/as axentes da Policía Local de Ames realizaron diversas actuacións en prol da seguridade viaria, interviron en denuncias por furto, asistiron a condutores en accidentes, atenderon diversas incidencias por mor do temporal, participaron en controis de alcoholemia, etc. Ademais, están realizando controis de velocidade de vehículos co radar facilitado pola Dirección Xeral de Tráfico, tanto nos núcleos de Bertamiráns como no Milladoiro, así como nos lugares onde hai maior incidencia de queixas veciñais.

Durante o pasado mes de xaneiro os axentes da Policía Local tiveron que intervir en dous furtos que se produciron en dous supermercados de Bertamiráns. Comprobados os feitos, instruíron as correspondentes dilixencias. Ademais, tiveron que presentarse en varios pisos ante as chamadas recibidas por ruídos nesas vivendas nas que se estaban facendo festas coa música moi alta. O domingo 15 de xaneiro tiveron que asistir a un incendio no lugar de Lapido provocado por unha campá extractora. Nesta intervención colaboraron coa Garda Civil e co GES de Brión. Finalmente, as dúas mulleres que residen na vivenda precisaron asistencia do 061, pero non tiveron que ser trasladadas a un centro sanitario.

Na tarde do 18 de xaneiro, cando estaban realizando funcións de control de vixilancia e disciplina do tráfico no Milladoiro, detectaron un condutor dun turismo con síntomas evidentes de encontrarse baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Un vez realizado o correspondente control deu os resultados de 0,62 mg/l, en primeira instancia, e 0,67 mg/l, no segundo control. Outro caso de positivo por alcol detectouse o venres 30 de xaneiro en Bertamiráns. Neste caso o condutor implicado deu os resultados de 0,83 e 0,80 mg/l. En ambos casos instruíronse as correspondentes dilixencias citándose aos devanditos condutores para xuízo rápido.

No pasado mes os axentes policías tamén tiveron que intervir noutros sucesos. Por exemplo, os días 24 e 27 de xaneiro acudiron ante a chamada de dous accidentes de tráfico. Uns días despois tiveron que intervir nunha pelexa entre veciños e nun incidente no que unha persoa lle causou lesións a dous rapaces nun local de ocio na zona de Bertamiráns. Asemade, o día 29 pola mañá recibiron alerta dun varón que estaba tirado nunha rúa de Bertamiráns, pero unha vez chegaron ao lugar dos feitos, nin a Policía local nin o persoal sanitario, que tamén fora avisado, puideron facer nada para salvarlle a vida a dita persoa.

Actuacións realizadas en febreiro
Na primeira fin de semana de febreiro atenderon diversas incidencias por caídas de árbores, sinais, valados, cables de tendido eléctrico, caídas de tellas, etc. A incidencia que máis problemas causou foi a caída dun poste no lugar de Ventosa, á altura do Alto do Vento, sendo precisa a regulación do tráfico neste lugar. Ademais, a mediados do mes de febreiro, a Policía Local tivo que intervir nun accidente laboral en Bertamiráns. Neste caso foi preciso solicitar a asistencia dos servizos do 061 para o traslado do accidentado ao hospital Clínico de Santiago de Compostela.

En canto, aos controis de alcol realizados en febreiro, detectáronse tres condutores que conducían os seus vehículos baixo a influencia de bebidas alcohólicas. No primeiro caso cursouse unha denuncia administrativa por non superar os límites para instruír dilixencias xudiciais. O segundo condutor detectado deu uns resultados de 1,08 e 1,08 mg/l, instruíndose as correspondentes dilixencias citándose ao devandito condutor para xuízo rápido. O terceiro caso detectouse no Milladoiro e ao igual que o condutor anterior tamén se instruíron as dilixencias oportunas para citalo nun xuízo rápido.

Os axentes policías tamén interviron en dúas pelexas rexistradas en locais de Bertamiráns e do Milladoiro. Asemade, actuaron nun incendio producido na sucursal bancaria de La Caixa, en Bertamiráns, onde foi necesaria a presenza do Grupo de Emerxencias e Brión para apagar os rescaldos de lume e airear a zona cun ventilador. Os axentes da Policía Local realizaron unha inspección da zona para realizar investigacións posteriores.

Por último, hai que indicar que estanse realizando controis de velocidade dos vehículos co radar facilitado pola Dirección Xeral de Tráfico, nas zonas de Bertamiráns e Milladoiro, así como naquelas zonas susceptibles de ser controladas para unha maior seguridade viaria. Na semana do 13 ó 19 de febreiro a Policía Local tamén levou a cabo unha campaña de control de camións e furgonetas.