Pestanas principais

A Policía Local de Ames colaborou na campaña da DXT de control da utilización do cinto e dos sistemas de retención infantil

Luns, 26 de marzo de 2018

[26-03-2018] Entre o 12 e o 18 de marzo, a Policía Local de Ames colaborou na campaña especial da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) sobre o uso do cinto e dos sistemas de retención infantil. No total, realizáronse 350 controis, nos cales non se detectaron infraccións. Deste xeito, a campaña finalizou sen a emisión de ningunha denuncia nin sanción. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames deberá enviar un informe sobre os resultados obtidos na campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.

As e os axentes da Policía Local de Ames colaboraron nesta campaña, posta en marcha pola DXT, co obxectivo de mellorar a seguridade viaria, posto que está demostrado que o uso dos sistemas de retención infantil e do cinto de seguridade é o método máis sinxelo, rendible e eficaz para evitar danos graves no caso de accidente. A campaña levouse a cabo entre o 12 e o 18 de marzo.

No total, realizáronse 350 controis ao longo da semana, nos cales non se detectaron infraccións, posto que tanto as persoas condutoras como as persoas pasaxeiras levaban posto o cinto de seguridade. No caso das nenas e nenos, cuxa altura non superaba os 135 centímetros, todas e todos levaban sistemas de seguridade homologados e adaptados ao seu peso e altura. A campaña finalizou, deste xeito, sen a emisión de ningunha denuncia nin sanción. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames deberá enviar un informe sobre os resultados obtidos na campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.

O cinto de seguridade é un elemento de seguridade pasiva, de uso obrigatorio en calquera automóbil. Estímase que en caso de impacto, o uso do cinto pode reducir o risco de morte para as persoas ocupantes dos asentos dianteiros nun 50%. Ademais, no tocante aos sistemas de retención infantil (capazo, cadeira con arnés, elevador con respaldo ou alzador), estes son a mellor protección que se pode levar cando unha crianza circula nun vehículo, o que ademais é obrigatorio por lei.

Contido relacionado


Compostela 24 Horas: "La Policía Local de Ames colaboró en la campaña de la DGT de control de la utilización del cinturón y de los sistemas de retención infantil"