Pestanas principais

A Policía Local de Ames colabora na campaña da DXT de control da utilización do cinto e dos sistemas de retención infantil

Luns, 14 de maio de 2018

[14-05-2018] O Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico colaboran na campaña especial sobre o uso do cinto e dos sistemas de retención infantil, que comeza hoxe e se desenvolverá ata o vindeiro 18 de maio. A Policía Local de Ames colaborará no control do uso do cinto e dos sistemas establecidos para a seguridade dos menores de 12 anos. O obxectivo é mellorar a seguridade viaria, xa que o uso dos sistemas de retención infantil homologados e do cinto de seguridade está demostrado que é o sistema de seguridade viaria máis sinxelo, rendible e eficaz. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames terá que enviarlle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.

En virtude do convenio bilateral básico asinado entre o Concello e Tráfico, a Policía Local colabora nesta campaña, controlando o uso destes sistemas de seguridade por parte de adultos e menores de 12 anos en turismos, taxis, autobuses e vehículos de mercancías. O dispositivo especial ponse en marcha hoxe, 14 de maio, e prolongarase ata o día 18, durante este tempo os axentes da Policía Local de Ames levarán a cabo a vixilancia e control do uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil (SRI), como elementos indispensables, de uso obrigatorio, que reducen de forma notable os índices de sinistralidade asociados aos accidentes de tráfico.

Na Comisión autonómica de tráfico e seguridade viaria, do pasado 28 de febreiro, analizouse o informe de accidentalidade do ano 2017 na Comunidade galega, e aínda que se destacaba o descenso histórico de accidentalidade mortal en Galicia (76 falecidos fronte aos 106 do ano 2016) e a súa evolución positiva, como dato negativo recollíase o incremento da porcentaxe de falecidos en turismos e furgonetas que non facían uso do cinto de seguridade (39% fronte ao 27% do ano anterior), dato que suscita unha importante preocupación, por iso é polo que a Dirección Xeral de Tráfico en Galicia, entre os días 14 ao 18 de maio vai realizar unha campaña especial sobre cinto de seguridade e sistemas de retención infantil (SRI) nas estradas galegas.

O uso de sistemas de retención homologados, cinto de seguridade e SRI, veuse demostrando como o sistema de seguridade viaria máis sinxelo, rendible e eficaz, en todo tipo de vías e traxectos. Aínda que se incrementou o uso do cinto de seguridade, existen aínda graves lagoas, dificilmente entendible se temos en conta a relación entre a sinxeleza de uso e a súa eficacia, xa que reduce á metade o risco de morte en caso de accidente. Estímase que en caso de impacto o cinto de seguridade pode reducir o risco de morte para os ocupantes dos asentos dianteiros nun 50%.

Ademais, un dos obxectivos da Estratexia de Seguridade Viaria 2011-2020 é lograr que ningún neno perda a vida por non ir correctamente sentado nunha cadeira adecuada para o seu peso e talla. Un uso correcto dos sistemas de retención infantil, reduce un 75% as lesións en caso de sinistro, evitando o seu impacto contra outros ocupantes e elementos do vehículo. Por iso, é de vital importancia protexer aos máis pequenos cun sistema de retención ata que teña 12 anos ou 1,50 metros de estatura, e comprobar a súa correcta colocación. Un sistema de retención de calidade, ben ancorado e co neno correctamente suxeito mellora eficazmente os resultados en caso de freada brusca ou impacto.

Contido relacionado


Compostela 24 horas: "La Policía Local de Ames colabora en la campaña de la DXT de control de la utilización del cinturón y de los sistemas de retención infantil"