Pestanas principais

A Policía Local de Ames atendeu no mes de novembro denuncias por ameazas, furtos, delitos contra a saúde pública e presuntos casos de violencia de xénero

Martes, 06 de decembro de 2016

[06-12-2016] Dous casos de presunta violencia de xénero e un de quebrantamento da orde de aloxamento foron atendidos polos axentes da Policía Local de Ames no mes de novembro. No balance de actuacións das forzas de seguridade amesás no penúltimo mes do ano inclúense labores de prevención de consumo de sustancias estupefacientes nas inmediacións dos IES de Ames, actuacións en casos de condución temeraria baixo os efectos do alcohol, en denuncias por ameazas, furtos e delitos contra a saúde pública e o auxilio prestado a unha persoa que caera no interior do seu domicilio e se atopaba inconsciente.

Na quenda de tarde do 4 de novembro, a Policía Local recibiu unha chamada alertando dun posible caso de violencia de xénero en Milladoiro. Unha patrulla trasladouse ao domicilio e entrevistou á persoa presuntamente agredida que manifestou que tivera unha discusión coa súa parella e, no transcurso dun forcexeo entre ambos ela caera ó chan. A presunta vítima, que non presentaba signos de agresión, non quixo en ningún momento presentar denuncia polos feitos. A Policía Local realizou dilixencias diante deste presunto caso de violencia de xénero.

Un caso semellante foi atendido pola Policía Local de Ames tres días despois, o 7 de novembro. Nesta ocasión, a Policía recibiu o aviso dunha muller residente en Bertamiráns que, instantes antes tivera unha discusión coa súa parella. A muller declarou que discutiran fortemente e que a súa parella a agredira en varias ocasións. Asemade a muller tamén informou de que o presunto agresor se ausentara xa do domicilio. Posteriormente foi identificado e se procedeu á realización de dilixencias por un presunto delito de violencia de xénero.

Ademais, a Policía Local recibiu o día 25 de novembro un aviso da Garda Civil Exposición de Feitos por un posible quebrantamento da orde de aloxamento por parte da parella dunha muller. Os feitos tiveron lugar en Bertamiráns. A Policía Local localizou ao autor dos feitos e procedeu a instruír dilixencias.

Prevención dun posible punto de venta de estupefacientes
Dentro das labores de prevención de consumo de sustancias estupefacientes que a Policía Local de Ames executa nos arredores dos Institutos de Ames, no mes de novembro efectivos da Policía Local incautaron o pasado día 7 de Novembro, varios efectos destinados ao consumo de sustancias estupefacientes nas inmediacións do IES de Bertamiráns.

Dilixencias por presuntas ameazas
Cómpre salientar tamén dentro das actuacións que a Policía Local de Ames fixo no mes de novembro, a realizada na tarde do pasado día 16 de novembro, cando o responsable dun establecemento público situado en Bertamiráns requiriu a presenza das forzas da orde, dado que no interior do seu negocio había unha persoa en estado alterado e agresivo que o insultaba e o amenazaba. Unha vez chegou alí a patrulla, procedeuse a identificar a ambas partes. Os axentes realizaron dilixencias por un posible delito de ameazas.

Probas de alcoholismo

Na quenda de noite do 18 de Novembro, mentres realizaban labores de patrulla, os axentes observaron un vehículo que circulaba a gran velocidade polo centro de Bertamiráns e procederon a darlle o alto, observando que o condutor presentaba síntomas evidentes de encontrarse baixo a influencia de bebidas alcohólicas, feito polo cal estaba obrigado a someterse ás probas de detección alcohólica. O condutor accedeu a que se lle realizaran estas probas nun primeiro momento para, posteriormente, negarse de forma expresa. Esta negativa é a que provocou que se realizaran dilixencias por un presunto delito de negativa a someterse ás probas de detección alcohólica e condución de vehículo a motor baixo a influencia de bebidas alcohólicas.

Auxilio dunha persoa maior que se encontraba tirada no seu domicilio

Na tarde do pasado 19 de Novembro, a Policía Local recibiu unha chamada do 112 indicando que unha persoa maior que reside en Bertamiráns non contestaba ao timbre da porta e que o seu fillo temía que lle houbera pasado algo. Dúas patrullas da Policía Local acudiron ao lugar e observaron a través da ventá da cociña a unha persoa tirada no chan. A porta da casa estaba pechada polo que se procedeu a entrar na mesma a través dunha fiestra. A persoa estaba inconsciente e foi trasladada polo 061 ao Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela.

Delito contra a saúde pública
Na quenda de noite do 24 de Novembro os axentes procederon á identificación do condutor dun vehículo e ó seu posterior cacheo superficial. No momento de proceder a realizar o cacheo a persoa botouse a correr tirando ó chan un obxecto. Un dos axentes procedeu a dar alcance a esta persoa, mentres o outro quedou recollendo o devandito obxecto. Tratábase dunha pequena bolsa de plástico que contiña no seu interior marihuana e varios útiles destinados á venda desta, así como unha pequena dose doutra sustancia estupefaciente. Asemade, no cacheo superficial ocupóuselle unha importante cantidade de cartos e dous teléfonos móbiles de alta gama, polo que se procedeu á súa detención por un presunto delito contra a saúde pública.

Identificación de varias persoas nunha pelexa

A tarde do pasado 25 de Novembro, a Policía Local recibiu unha chamada da Garda Civil informando dunha pelexa nun establecemento público en Milladoiro. Unha vez no lugar, procedeuse á identificación das partes implicadas na mesma e á instrución de dilixencias diante dunha posible denuncia por un delito de lesións.

Presunto delito de furto.

O día 26 de Novembro na quenda de mañá, a Policía Local de Ames recibiu chamada da dependenta dun establecemento público de Milladoiro informándolle que dúas persoas estaban intentando substraer produtos do seu establecemento. Unha vez que a patrulla chega ao lugar dos feitos procede a identificar aos autores do intento de furto, os cales portaban unha bolsa forrada no interior con papel de aluminio coa que pretendían burlar o aparato detector de alarmas. Procedeuse á realización de dilixencias ante un presunto delito de furto.

Presunto Delito contra a Seguridade Viaria e Atentado a axente da Autoridade
Na quenda de mañá do 28 de novembro, a Policía Local recibiu alerta dun particular informando que o condutor dun vehículo que circulaba por Bertamiráns estaba baixo a influencia de bebidas alcohólicas. Os axentos deronlle o alto ao vehículo e informaron ao condutor da súa obriga a someterse ás probas de impregnación alcohólica. O condutor non accedeu nun primeiro momento e proferiu insultos e ameazas ós actuantes, chegando a agredir a un deles, feito polo que se procedeu á súa detención. Dase a circunstancia de que o condutor non tiña en vigor o permiso de condución. Realizáronse dilixencias no Xulgado por un presunto Delito contra a Seguridade Viaria, consistente na condución dun vehículo baixo a influencia de bebidas alcohólicas, condución sen permiso por perda total de puntos e atentado contra axente da autoridade.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La Policía Local amiense atendió dos casos de violencia machista en noviembre"
El Correo Gallego: "Mes de violencia sexista, posible menudeo y peleas para los policías de Ames"