[11-03-2013] O Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico colaboran na campaña especial sobre o uso do cinto e dos sistemas de retención infantil, que comeza hoxe e se desenvolverá ata o vindeiro 17 de marzo. A Policía Local de Ames colaborará no control do uso do cinto e dos sistemas establecidos para a seguridade dos menores de 12 anos. O obxectivo é mellorar a seguridade viaria, xa que o uso dos sistemas de retención infantil homologados e do cinto de seguridade está demostrado que é o sistema de seguridade viaria máis sinxelo, rendible e eficaz. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames terá que enviarlle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.
En virtude do convenio bilateral básico asinado entre o Concello e Tráfico, a Policía Local colaborará nesta campaña, controlando o uso destes sistemas de seguridade por parte de adultos e menores de 12 anos en turismos, taxis, autobuses e vehículos de mercancías.
Segundo os datos da Dirección Xeral de Tráfico, o emprego do uso do cinto de seguridade reduce á metade o risco de morte en caso de accidente, mentres que os sistemas de retención infantil evitan nove de cada dez lesións infantís graves ou mortais. Na actualidade, os datos mostran que as lesións por accidente de tráfico seguen sendo a primeira causa de morte nos nenos maiores de 4 anos.
Outras campañas
A Policía Local de Ames participou no último mes en varias campañas postas en marcha pola Dirección Xeral de Tráfico. Deste xeito, entre o 25 de febreiro e o domingo 3 de marzo, os axentes participaron na campaña de control do transporte escolar. No marco deste programa, no que se controlaba o uso dos cintos de seguridade, o servizo de acompañamento ou o seguro do vehículo, os axentes controlaron un total de 20 autobuses que se encargan do transporte escolar nos colexios de Ames.
A principios deste mesmo mes, os membros da Policía Local de Ames tamén colaboraron na campaña de Tráfico para a vixilancia e control de camións e furgonetas. Deste xeito, entre o 11 e o 17 de febreiro, os axentes realizaron un total de 42 actuacións, por cuestións relativas aos vehículos, por deficiencias técnicas dos mesmos ou inmobilizacións.





