[15-12-2015] O Concello de Ames colabora coa Dirección Xeral de Tráfico no desenvolvemento da campaña especial de vixilancia e control de alcol e drogas, que se leva a cabo entre os días 14 e 20 de decembro. Ao longo desta semana os axentes da Policía Local de Ames realizarán diversos controis nas estradas do municipio, así como nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro. Ademais, os axentes proporcionáranlle información aos condutores sobre a necesidade de conducir sen inxerir ningún tipo de bebida alcohólica ou substancia estupefaciente.
Segundo datos do Observatorio Europeo para a Seguridade Viaria (ERSO), ao redor do 25% de todas as mortes na estrada en Europa están relacionadas co alcol, mentres que, aproximadamente, só o 1% do total de quilómetros percorridos son conducidos por persoas con 0,5 g/l de alcol no sangue ou máis.
A principal razón da posta en marcha desta nova campaña de vixilancia e control, que se desenvolve entre os días 14 e 20 de decembro, á marxe dos datos de falecidos, é que o aumento dos controis preventivos é un dos factores que está a favorecer un cambio de comportamento dos cidadáns sobre esta materia. Durante os sete días que dura esta campaña, que puxo en marcha a Dirección Xeral de Tráfico, os axentes da Policía Local de Ames reforzarán os controis de alcol e drogas nas estradas do municipio e nos núcleos urbanos de Bertamiráns e do Milladoiro.
O inspector da Policía Local de Ames, José Antonio Rodríguez, explica que “durante estas datas hai que extremar as precaucións cando se colle o coche. Trátase dunha época na que hai numerosas comidas e ceas de Nadal, polo que hai que tratar de concienciar á veciñanza de que se bebe alcol despois non pode coller o coche. Deste xeito, un dos obxectivos desta campaña é proporcionarlle información aos condutores sobre a necesidade de conducir sen inxerir ningún tipo de bebida alcohólica ou substancia estupefaciente”.