Pestanas principais

A Policía Local de Ames adhírese á campaña especial de vixilancia e control do transporte escolar e de menores posta en marcha por Tráfico

Luns, 16 de xaneiro de 2017

[16-01-2017] O Concello de Ames e a Dirección Xeral de Tráfico colaboran na campaña especial de vixilancia e control do transporte escolar e de menores, que comeza hoxe e se desenvolverá ata o vindeiro 20 de xaneiro. A Policía Local de Ames colaborará nos controis preventivos para comprobar que tanto autobuses como condutores cumpran coa normativa, que inclúe, entre outras obrigacións, a necesidade de que os menores vaian acompañados por unha persoa debidamente cualificada nos desprazamentos. Unha vez rematada a campaña, o Concello de Ames terá que enviarlle un informe sobre os resultados obtidos na devandita campaña á Xefatura Provincial de Tráfico.

Dende a DXT indican que case medio millón de alumnos utilizan a diario un autobús escolar durante o curso e, segundo o Observatorio do Transporte de Pasaxeiros por Estrada, desprazan a máis de 280 millóns de pasaxeiros ao ano. Ademais, engaden que aínda que as taxas de accidentes son mínimas, o 90% dos accidentes que se producen durante o transporte escolar teñen lugar no momento de subir ou baixar do vehículo, ou nos instantes inmediatos e en moitos casos, trátase de atropelos causados por distracción do menor, do condutor de transporte escolar ou dos acompañantes.

Con todo, nos anos 2014 e 2015 non se produciu ningunha vítima mortal en usuarios deste tipo de vehículos, concretamente, no ano 2015, unicamente houbo tres feridos leves. O obxectivo principal desta campaña, segundo explican dende a Policía Local, está dirixido a garantir un transporte escolar seguro e fiable, cun seguimento e control que obrigue ás empresas de transporte a cumprir coas normas que se lles esixe para esta tarefa.

Outras actuacións
Por outra banda, durante a primeira quincena de xaneiro a Policía Local de Ames realizou outras actuación que cómpre salientar. Deste xeito, na noite do pasado sábado, 7 de xaneiro, procedeuse á imputación dun condutor reincidente, na localidade de Bertamiráns, do que se tiña constancia que circulaba no seu vehículo sen permiso de conducir, neste caso, por perda total dos puntos asignados.

Na mañá do xoves, 12 de xaneiro, cando unha patrulla da Policía Local prestaba servizo a pé pola avenida da Peregrina, en Bertamiráns, detectaron a un home que estaba a agredindo fisicamente a unha muller. Unha vez no interior do inmoble procedeuse á detención do varón, instruíronse dilixencias contra esta persoa e trasladouse a vítima ao centro de saúde.

Na tarde do mesmo día, e no marco das labores de prevención de consumo de sustancias estupefacientes no entorno dos centros escolares, procédese á identificación dun grupo de mozos, dando como resultado a intervención de varias doses de sustancias tanto de hachís como de marihuana, polo que se procedeu a realizar as correspondentes dilixencias.