[10-02-2011] A Policía local dá conta dalgunhas actuacións que desenvolveu durante as últimas semanas. Este corpo de seguridade realiza os seus labores co fin de garantir o benestar de todos os amienses. O primeiro fin de semana de febreiro rexistráronse en Ames unha serie de delitos dos que informa a Policía local. Na madrugada do venres ao sábado un condutor deu positivo nun control de alcoholemia. O sábado produciuse un furto no establecemento Núa Moda, situado na Rúa Ameneiral de Bertamiráns,e o domingo produciuse un atraco no Mercado Tropical, situado na rúa da Raxoeira no Milladoiro. A Policía local incrementou a vixilancia en todos aqueles lugares que son máis propensos a ser obxecto de posibles roubos.
As actuacións que realiza o corpo de seguridade amiense son moi variadas e van dende regular o tráfico, controlar os horarios de peche dos diferentes establecementos comerciais co fin de evitar roubos ou a intervención en accidentes de tráfico e incendios que se producen no termo municipal amiense.
Deste xeito, a Policía local de Ames informa dunha serie de delitos cometidos no primeiro fin de semana deste mes no municipio. O único que continúa a ser investigado tanto polos axentes locais como pola Garda Civil do Milladoiro é o atraco que se produciu no Mercado Tropical, situado na Rúa Raxoeira do Milladoiro. Este delito tivo lugar o pasado día 6 de febreiro e nel foron roubados diñeiro e diversos bens como tarxetas telefónicas ou teléfonos móbiles. As investigacións continúan abertas xa que aínda non foron identificados os autores.
Un día antes, o 5 de febreiro, rexistrouse un roubo en Bertamiráns. No comercio Núa Moda, situado na rúa Ameneiral, foron subtraidas varias pezas de roupa. Neste caso, as persoas que supostamente levaran a cabo o roubo foron identificadas xa na propia tarde do sábado. A Policía local procedeu a abrir dilixencias contra estas persoas acusadas dun delito de furto.
Ante a vaga de roubos que se están producindo nas últimas semanas nalgúns municipios da comarca, os responsables de seguridade do Concello de Ames puxeron en marcha diversas medidas co obxectivo de manter os niveis de seguridade alcanzados e para que non se experimente un incremento do número de delitos. A Policía local incrementou a vixilancia en todos aqueles lugares que son máis propensos a ser obxecto de posibles roubos. Dende a Policía local destacan que estas medidas preventivas, postas en marcha por parte dos corpos de seguridade, para evitar actos vandálicos xa están dando resultado aínda que non se pode baixar a garda en ningún momento.
Delito contra a seguridade viaria
Na madrugada do pasado venres ao sábado, pouco antes das seis da mañá, produciuse un delito contra a seguridade viaria. A Policía local observou que na Rúa Rosalía de Castro, no Milladoiro, un vehículo circulaba pola estrada en dirección contraria. Os axentes procederon a darlle o alto ao condutor, que foi sometido a un control de alcoholemia, dando positivo. Sometido a un segundo control de precisión tivo un resultado de 0,84 miligramos de alcol por litro de aire expirado, cando o valor máximo está situado en 0,25. Ante iso procedeuse a abrir dilixencias contra o condutor por un delito contra a seguridade viaria.
Dende a Policía local de Ames recoméndase a máxima prudencia posible á hora de conducir e evitar o consumo de alcol se despois se vai a empregar o coche. Desta maneira evitamos, principalmente tentar contra a nosa seguridade e a dos demais, ademais de evitar posibles sancións económicas por delitos contra a seguridade viaria.
A nova noutros medios dixitais:
Contido relacionado

El Correo Gallego: "Robos y delitos viarios centran las actuaciones de la policía amiense"
La Voz de Galicia: "Los núcleos más populosos de Ames sufren nuevos robos"




