Pestanas principais

A Policía Local dá conta das actuacións realizadas ao longo de agosto e setembro

Luns, 16 de outubro de 2017

[16-10-2017] A maior parte das actuacións centráronse no control, vixilancia e disciplina do tráfico no concello, detectando en varias ocasións persoas circulando baixo a influencia do alcohol. A Policía Local de Ames tamén abordou, ao longo destes meses, delitos relativos á violencia de xénero, contra a liberdade e a indemnidade sexual e un incumprimento dunha orde de afastamento. As accións complementáronse coa posta en marcha dunha campaña da Dirección Xeral de Tráfico, sobre o uso do cinto e do sistema de retención infantil.

O 13 de agosto, pola noite, a Policía Local de Ames, localizou unha condución neglixente na zona de Bertamiráns. Unha vez identificada, a condutora mostrou claros síntomas de encontrarse baixos os efectos do alcohol. A situación repetiuse a noite do 9 de setembro, cando se detectou, durante un control, un condutor alcoholizado que arroxou un resultado de 0,81 e 0,78mg/l nas probas realizadas. A Policía Local instruíu as correspondentes dilixencias, citando ás persoas implicadas para xuízo rápido e remitindo as dilixencias ao xulgado de instrución de garda.

Nas noites do 23, 25, 26 e 27 de setembro, a Policía Local de Ames volveu identificar varias persoas conducindo baixo os efectos do alcohol. O día 23, o condutor foi identificado nun control de vixilancia, após ser detectada unha condución evasiva. O condutor non só deu positivo nas probas realizadas, senón que se comprobou que tiña retirado, por orde xudicial, o permiso de condución. O día 25, a Policía Local foi comisionada por parte da Garda Civil do Milladoiro, ao detectaren unha condución neglixente por parte dunha condutora. Esa noite, a Policía Local volveu ser comisionada pola Garda Civil do Milladoiro unha segunda vez, tras identificaren un condutor con mostras de estar alcoholizado. En todos os casos, a Policía instruíu as correspondentes dilixencias, remitíndoas ao xulgado de instrución en servizo de garda e citando para xuízo rápido ás persoas implicadas. 

O 26 de setembro, a Policía Local de Ames detectou, durante a realización dunha patrulla policial por Bertamiráns, un vehículo que freaba bruscamente ante a presenza policial e emprendía, inmediatamente, a fuxida. O condutor que foi localizado, posteriormente, superaba o límite permitido de alcohol en sangue. Dous días despois, durante a realización dun control de vixilancia, detectouse outro condutor baixo os efectos do alcohol. Nestes dous casos, a Policía Local volveu realizar as correspondentes dilixencias, enviándoas ao xulgado de instrución de garda e citando aos condutores implicados para xuízo rápido. Entre o 11 e o 17 de setembro a Policía Local de Ames tamén levou a cabo unha campaña da Dirección Xeral de Tráfico, sobre o uso do cinto e o sistema de retención infantil. 

Outras actuacións
O 6 de agosto, pola tarde, a Policía Local de Ames foi comisionada por parte da Policía Nacional, debido á presenza dunha persoa con síntomas de encontrarse baixo os efectos do alcohol. Unha vez no lugar, e comprobada a veracidade dos feitos, a Policía Local realizou as dilixencias oportunas. Seis días despois, o 6 de agosto, a Policía Local recibiu aviso dun posible caso de Violencia de Xénero en Bertamiráns. Unha vez comprobado o sucedido, realizáronse as correspondentes dilixencias, que foron enviadas ao xulgado.

O 1 de setembro, a presenza da Policía Local foi tamén requirida por parte dunhas veciñas e veciños de Bertamiráns, por mor da comisión dun delito contra a liberdade e a indemnidade sexual. Investigáronse os feitos e deuse conta dos mesmos ao xulgado e á Garda Civil, co obxectivo de proseguir coa súa investigación. O día 2, a Policía Local volveu actuar en Bertamiráns, por causa dun quebrantamento dunha orde de afastamento. Por último, o 25 de setembro, a Policía Local foi alertada a través do 112: na urbanización Millalar, uns rapaces tiñan sufrido queimaduras en pernas e cara por estar a xogar cuns aerosois. A Policía Local prestou apoio aos feridos e ás familias e realizou as correspondentes dilixencias por estes feitos.