[30-01-2012] A Policía local advirte de que se detectaron casos de estafas en Ames. O procedemento que están utilizando os supostos estafadores é pedir o DNI e a sinatura para algunha causa benéfica. Así, aprovéitanse da confianza da xente para subtraerlle o diñeiro das carteiras. Trátase dun método coñecido e que empregan principalmente con persoas maiores. Segundo os axentes amienses estanse detectando tamén casos deste tipo noutros concellos da comarca. A Policía local de Ames solicítalle á cidadanía amiense que preste especial atención a quen lle solicite datos persoais. Sen xerar alarma, os axentes pretenden que este tipo de calotes sexan coñecidos polos veciños e veciñas para que adopten as medidas de prevención oportunas.
Dende a Policía local de Ames fan un chamamento a veciñanza amiense para que estean alerta ante as posibles estafas que se están producindo nas últimas semanas. Os presuntos estafadores aprovéitanse da boa fe da xente para solicitarlle sinaturas para algunha causa benéfica. Para asinar é preciso poñer o número do documentado nacional de identidade. No momento en que os estafados sacan a carteira para achegar o número de DNI é cando os presuntos estafadores aproveitan para subtraerlle os cartos. Os estafadores adoitan colocarse preto das entidades bancarias, para roubarlles ás persoas que anteriormente retiraron diñeiro da entidade.
Este tipo de delictos detectáronse nas campañas de vixilancia e seguridade que realiza periodicamente a Policía Local de Ames. Concretamente, detectouse un caso o pasado 25 de xaneiro. A un veciño pedíronlle a súa sinatura para unha causa benéfica e mentres achegaba o número de DNI roubáronlle os cartos, que previamente sacara dunha entidade bancaria próxima. Normalmente, os estafadores aprovéitanse da confianza e da boa fe da xente de idade.
O inspector e xefe da Policía local de Ames, José Antonio Rodríguez, incide en que veciñanza de Ames debe estar alerta ante os posibles calotes que se están producindo nas últimas semana. Rodríguez manifesta que "se ten constancia de que estes mesmos delitos estanse producindo noutros concellos da comarca, polo que estamos traballando para atopar aos estafadores. Dende a Policía local de Ames debemos facer unha chamamento para que todos os veciños/as estean alerta ante este tipo de estafas".
Actuacións da Policía local de Ames
Ademais de detectar este tipo de estafas, as actuacións que realiza o corpo de seguridade amiense son moi variadas e van dende regular o tráfico, controlar os horarios de peche dos diferentes establecementos comerciais, para evitar que se produzan roubos, ou a intervención en accidentes de tráfico e incendios que se producen no territorio municipal amiense.
Durante o mes de xaneiro a Policía local de Ames realizou 17 atestados por malos tratos, roubos, danos en vehículos e delictos contra a seguridade viaria. Durante a pasada fin de semana producíronse dous atestados relacionados coa seguridade viaria. O sábado 28 realizouse un atestado contra unha persoa que conducía sen o permiso de conducir, mentres que o domingo 29 denunciouse outra persoa por un presunto delicto contra a seguridade viaria por conducir baixo os efectos do alcol. Outro dos delictos contra a seguridade viaria imputóuselle a un condutor o pasado 15 de xaneiro por conducir sen permiso.
Contido relacionado

La Voz de Galicia: "La Policía de Ames advierte del robo de carteras con el timo de recoger firmas"




