[27-03-2014] O Concello de Ames informa que a Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, acaba de convocar a Campaña de verán 2014. Dentro desta campaña atópase a oferta de campamentos para a época estival. As persoas que estean interesadas en pasar unhas vacacións divertidas poderán escoller o campamento que queiran en función da súa idade e das actividades que se leven a cabo nel (actividades de mar, iniciación ao teatro, rutas en bicicleta pola natureza, actividades de multiaventura...). A participación na oferta da Campaña de verán 2014 realizarase mediante inscrición individual ou múltiple (para os supostos de dous/dúas, tres ou catro irmáns/ás). As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es.
A Consellería de Traballo e Benestar, a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, leva a cabo a promoción e a organización de actividades cun claro compoñente de educación non formal destinadas á xuventude no ámbito do ocio e do tempo libre.
Para favorecer a participación da xuventude en actividades deste tipo, a consellería convoca, unha vez máis, a Campaña de verán 2014 que ofrece a posibilidade de que a xuventude empregue o seu tempo libre estival participando en actividades de carácter lúdico, cultural, deportivo e formativo, que sirvan non só para divertirse, senón tamén para o enriquecemento persoal e vital, ademais de ofrecer a posibilidade de coñecer outros territorios da xeografía nacional a través das actividades que se realizan noutras comunidades autónomas de España.
Acción de verán é un programa de actividades que ten lugar durante os meses de xullo e agosto, tanto en Galicia como noutras comunidades autónomas. Está composto por diferentes áreas, que comprenden actividades de lecer para toda a xuventude e actividades de voluntariado en campos de traballo nacionais e estranxeiros.
Dentro desta convocatoria de actividades están os campamentos de verán que son unha forma diferente e divertida de pasar as vacacións estivais. As diferentes actividades que integran esta programación levaranse a cabo en diversas quendas de entre oito e doce días de duración durante os meses de xullo e agosto. Os rapaces e rapazas poderán escoller o campamento que queiran en función da súa idade e das actividades que se leven a cabo nel: actividades de mar, iniciación ao teatro, rutas en bicicleta pola natureza, actividades de multiaventura....
Tramitación das inscricións
A participación na oferta da Campaña de verán 2014 realizarase mediante inscrición individual ou múltiple (para os supostos de dous/dúas, tres ou catro irmáns/ás). Poden solicitar a súa participación nas actividades ofertadas nesta convocatoria os/as mozos/as galegos/as residentes en Galicia, nacidos/as no ano sinalado para cada actividade. As solicitudes poden tramitarse en https://sede.xunta.es, polo procedemento xeral BS303A no caso de solicitude individual, ou BS303F no caso de solicitude múltiple.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o día 10 de abril de 2014. Para obter máis información no DOG do 26 de marzo de 2014. Para obter máis información ou tramitar as solicitudes podes pasar pola OMIX de Ames. Este servizo municipal ofrécese os luns, mércores e xoves na Casa da Cultura de Bertamiráns e os martes e venres na Casa da Cultura do Milladoiro. Tamén podes chamar ao número de teléfono 616 083 229 ou enviar un correo electrónico ao enderezo omix@concellodeames.org.