Pestanas principais

A poboación do concello de Ames sitúase nos 33.276 habitantes

Mércores, 03 de decembro de 2025

Segundo os datos que manexa o Concello, a través do padrón municipal, a poboación de Ames a 1 de xaneiro de 2025 sitúase en 33.276 habitantes. Estes datos veñen de ser publicados polo INE. Respecto do 1 de xaneiro de 2024 a poboación en Ames medrou en 477 habitantes. Se miramos preto de 30 anos atrás, pasouse dos 13.288 habitantes do ano 1996 aos 33.276 habitantes actuais. O Milladoiro segue a ser o núcleo urbano máis poboado do concello seguido de Bertamiráns.

O INE vén de publicar os datos de censo dos municipios e o concello de Ames segue medrando en poboación. Segundo os datos que manexa o Concello, a través do padrón municipal, a poboación de Ames a 1 de xaneiro de 2025 sitúase en 33.276 habitantes, dos que unha maioría deles están en idade de traballar e outra ampla maioría encádrase no grupo da mocidade, garantindo así o futuro demográfico do concello.

Tendo en conta os datos do padrón municipal o concello de Ames contaba a 1 de xaneiro de 2024 cun total de 31.799 habitantes, o que supón que se sumou 477 habitantes máis. Fronte á baixada de poboación rexistrada en Galicia que amosan os datos do INE, Ames mantén a súa poboación e incrementa o censo municipal mantendo a tendencia das últimas décadas.

O alcalde, Blas García, destaca “Ames segue a ser un referente demográfico en Galicia, un concello que ano tras ano segue medrando e que actualmente xa estamos en 33.800 habitantes. Seguiremos traballando a diario por seguir sendo un concello de servizos e por podelos prestar cun alto grao de calidade. É o factor determinante que nos fai medrar e duplicar a nosa poboación dende o ano 2.000”.

Crecemento dende o ano 2.000
Nas últimas décadas, Ames foi un dos concellos galegos que máis medrou. Segundo os datos que figuran no Instituto Nacional de Estadística (INE) no ano 2000 o concello de Ames dispoñía de 16.549 habitantes (8.048 homes e 8.501 mulleres). En 2003 o número de habitantes xa ascendía a 20.016 persoas (9.718 homes e 10.298 mulleres), polo que o incremento en tres anos foi de 3.467 habitantes, máis de mil persoas por ano. Se nos detemos no ano 2006 o censo xa acumulaba un total de 23.219 habitantes (11.268 homes e 11.951 mulleres), polo que se volve a incrementar a cifra de censados en 3.203 persoas.

En 2009 o censo ascendeu ata chegar aos 26.983 habitantes (13.079 homes e 13.904 mulleres), polo que se volveu a producir un novo incremento de 3.764 habitantes respecto ao ano 2006. A principios de 2012 Ames xa contaba cun total de 29.331 habitantes, polo que en tres anos volveu a incrementarse en 2.348 o número de habitantes. Tres anos despois, a principios de 2015, o INE contabiliza un total de 30.267 habitantes (14.608 homes e 15.659 mulleres). A 1 de xaneiro de 2021 o INE indica que Ames quedaba a 7 habitantes dos 32.000, sumando un total de 31.993 habitantes (15.379 homes e 16.614 mulleres). 

Por último, a 1 de xaneiro de 2023 a poboación era de  32.482 habitantes (16.865 mulleres e 15.617 homes), mentres que dous despois a 1 de xaneiro de 2025 sitúase en 33.276 habitantes, gañando nos últimos catro anos 1.283 habitantes.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Ames lidera la población con 33.276 habitantes seguido de Carballo, Ribeira, Lalín y A Estrada"

A poboación do concello de Ames sitúase nos 33.276 habitantes