[14-03-2018] O Concello de Ames informa de que este xoves, 15 de marzo, ás 20:30 horas, celebrarase o segundo pleno extraordinario sobre o estado do Concello de Ames. Será o segundo pleno aberto despois do feito o ano pasado no Milladoiro. Esta sesión plenaria terá un único punto que será o debate do estado do Concello durante o último ano. Cómpre lembrar que o 23 de marzo de 2017 celebrouse no Milladoiro o primeiro pleno extraordinario da historia de Ames sobre o estado do Concello.
A través desta sesión plenaria trátase de abrir os plenos á veciñanza naqueles temas de maior importancia como pode ser debater sobre a xestión e traballo que está realizando o goberno municipal. Estes plenos desenvólvense nos auditorios das casas da cultura por ter maior aforo que o salón de plenos da Casa do Concello e son froito do acordo acadado ao inicio da lexislatura para a aprobación do regulamento de organización do Concello no que se regula o formato e tempos de intervención deste tipo de plenos.
Así pois, este xoves 15 de marzo e dando cumprimento ao regulamento que indica que dentro dos tres primeiros meses do ano debe ter lugar o pleno do estado do Concello, haberá unha nova oportunidade de escoitar o balance do ano 2017 que farán os grupos de goberno e da oposición. Deste xeito, convídase a toda a cidadanía a que se achegue a escoitar este balance anual.




