Pestanas principais

A plataforma veciñal N550 convoca unha manifestación no Milladoiro para o xoves 21 de xuño

Mércores, 06 de xuño de 2018

[06-06-2018] Este martes, 5 de xuño, a Plataforma pola humanización da estrada N550 ao seu paso polo Milladoiro realizou unha asemblea xeral na Casa da Cultura desta localidade. En dita asemblea participaron veciños e veciñas, así como representantes da Corporación municipal. Fíxose balance das accións realizadas ata este momento e adoptáronse varios acordos como convocar unha manifestación para o xoves, 21 de xuño, ás 20:00 horas, co obxectivo de realizar unha marcha pola avenida de Rosalía de Castro e cortar o tráfico. Ademais, dita plataforma solicitará unha xuntanza coa Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia. A Corporación municipal solicitará unha nova reunión con representante do ministerio de Fomento, tralos cambios producidos no goberno do Estado.


Solicitude de reunións coa Xunta e con Fomento
Por outra banda, a plataforma veciña N550 solicitará unha xuntanza coa Consellería de Infraestruturas da Xunta de Galicia. Dende a Corporación municipal solicitouse unha xuntanza coa Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, pero dita reunión non se mantivo ata este momento. Debido a iso, dende a Plataforma consideran que é necesario manter dita xuntanza coa conselleira para abordar as medidas a curto prazo que se poden executar.

Ademais, a Corporación municipal solicitará unha nova reunión con representante do ministerio de Fomento, tralos cambios producidos no goberno do Estado. Cómpre lembrar que, na xuntanza do pasado mes de marzo, o Director xeral de Estradas, Jorge Urrecho, a instancias dos representantes municipais comprometeuse a incluír dentro dos Orzamentos Xerais do Estado de 2018 o inicio do estudo da variante do Milladoiro, para desviar o tráfico da avenida de Rosalía de Castro. A realidade é que en ditos Orzamentos non hai ningunha partida para tal fin.

Por último, na asemblea deuse conta de que houbo novas incorporacións á Comisión Xestora da Plataforma, que pasa a estar formada por 10 persoas. Tamén se vai a facer unha petición sobre esta reivindicación na plataforma Change.org e vaise crear unha páxina de Facebook para dar maior visibilidade as actuacións que se están levando a cabo neste eido. Para obter máis información acerca da labor desenvolvida por esta agrupación de veciñas e veciños, pódese consultar o blogue N550milladoiro.blogspot.es. Así mesmo, a plataforma conta co enderezo de correo electrónico N550milladoiro@gmail.com, que está á disposición da veciñanza.

Na asemblea xeral da plataforma veciñal N550 deuse conta das accións desenvolvidas ata o momento. Hai que salientar que dita plataforma botou a andar a finais do pasado mes de febreiro co obxectivo de reivindicar a humanización da avenida Rosalía de Castro como punto peonil e de esparexemento para a veciñanza. Nas últimas semanas, a plataforma centrou o seu traballo na recollida de sinaturas e no reparto de carteis informativos.

Asemade, o alcalde de Ames, José Miñones, en representación da Corporación municipal, deu conta dos compromisos adquiridos na reunión mantida no Ministerio de Fomento, en Madrid, o pasado 7 de marzo. Nesta reunión os representantes do Concello de Ames solicitaron medidas a curto prazo, para minorar a densidade do tráfico que circula por esta localidade amesá, e actuacións de cara ao futuro para humanizar dita avenida.

Posteriormente, fíxose unha planificación das próximas accións que se van a desenvolver durante as videiras semanas. Deste xeito, acordouse realizar unha manifestación o vindeiro xoves, 21 de xuño, ás 20:00 horas, no Milladoiro. Trátase dunha marcha a pé dende a rúa Curuxa, que baixará ata a rotonda que dá acceso ao Milladoiro, dende Santiago de Compostela, e volverá polo carril contrario. Os/as manifestantes percorrerán a avenida de Rosalía de Castro en dirección contraría á circulación do tráfico rodado.

O obxectivo é visibilizar a necesidade de buscar solucións para os problemas de tráfico que afectan aos veciños e veciñas do Milladoiro, debido a gran cantidade de vehículos que circulan diariamente pola N-550, ao seu paso pola avenida de Rosalía de Castro. O Concello de Ames realizará os trámites necesarios ante a Subdelegación do Goberno para autorizar dita manifestación. A Policía Local de Ames e mailos membros da Agrupación de Protección Civil encargaranse da seguridade.

Nesta asemblea tamén se trasladou a preocupación pola posible instalación dunha planta de residuos na Casalonga, no concello de Teo, pero moi próxima ao concello de Ames. A Plataforma Casalonga Limpa de Residuos estima que se se constrúe dita planta, máis de 300 vehículos pesados pasarían cada día pola avenida de Rosalía de Castro, o que agravaría un problema xa existente na actualidade.


Contido relacionado


Compostela 24 horas: "Convocada una manifestación en Milladoiro para el jueves 21 de junio"
Lindeiros: "O Milladoiro cortará o tráfico da N550 para demandar a súa humanización"
El Correo Gallego: "Los vecinos cortarán el día 21 Milladoiro por el tráfico"
La Voz de Galicia: "La plataforma N-550 celebró una nueva asamblea informativa"
El Correo Gallego: "Milladoiro pide que Fomento y Xunta aborden la variante"
La Voz de Galicia: "<N-550 fóra xa> cortará el día 21 el tráfico con apoyo del Concello"