Pestanas principais

A plataforma veciñal N-550 constituirase o vindeiro martes co obxectivo de reivindicar a humanización da avenida Rosalía de Castro do Milladoiro

Xoves, 22 de febreiro de 2018

[22-02-2018] O Concello de Ames convida á veciñanza do Milladoiro a asistir á xuntanza na que, o vindeiro martes 27 de febreiro, se constituirá a plataforma veciñal N-550 co obxectivo de reivindicar a humanización da avenida Rosalía de Castro como punto peonil e de esparexemento para a veciñanza. A xuntanza, que se desenvolverá na Casa da Cultura do Milladoiro ás 20:30 horas, segue a liña do acordado no encontro celebrado, o pasado mes de xaneiro, entre a corporación municipal e as veciñas e veciños do Milladoiro.

No mes de xaneiro as diferentes forzas políticas de Ames celebraron un encontro coa veciñanza do Milladoiro, que tivo como finalidade abordar a problemática do tráfico na avenida Rosalía de Castro, pola que discorren a diario uns 30.000 vehículos. Entre os acordos adoptados durante a xuntanza, a constitución da plataforma veciñal N-550 é un deles. Coa súa creación, a plataforma pasará a ser a canle a través da que se porán en marcha diferentes iniciativas como mobilizacións, recollidas de firmas ou controis de velocidade orientadas a esixir ao Ministerio de Fomento a humanización da avenida Rosalía de Castro.

Ao longo da xuntanza, tamén se abordaron outras reivindicacións dirixidas asemade ao Ministerio de Fomento: a realización dun estudo de impacto ambiental e acústico, así como a construción dunha senda peonil ata Santiago de Compostela. Do mesmo xeito, acordouse instar igualmente á Xunta de Galicia e á Consellaría de Infraestruturas para que exerzan como mediadores entre as dúas Administracións, o Concello e o Ministerio, na procura dunha solución o máis rápida e eficiente posible. 

Unha vella reivindicación da veciñanza do Milladoiro
Na xuntanza, tralas intervencións dos diferentes grupos políticos, foi a quenda de palabra da veciñanza. As veciñas de veciños do Milladoiro relataron os diferentes efectos causados pola problemática do tráfico no seu día a día: ruído, problemas de seguridade viaria, contaminación e gretas nalgúns edificios, provocadas pola alta densidade do tráfico que soporta a avenida de Rosalía de Castro.

A humanización da N-550 ao seu paso polo Milladoiro é unha vella reivindicación da veciñanza. Este xoves, 22 de febreiro, cúmprense 10 anos dunha manifestación feita solicitando unha solución a dita problemática. En febreiro de 2008, foron preto de 250 as persoas que cortaron a estrada durante 20 minutos para reclamar o desvío do tráfico. Despois dunha década sen solucións, a plataforma veciñal N-550 procura unha solución que sexa definitiva. Desde o Concello de Ames, anímase a toda a veciñanza interesada a asistir. A xuntanza desenvolverase o vindeiro martes, 27 de febreiro, ás 20:30 horas, na Casa Casa da Cultura do Milladoiro.

Contido relacionado


La Voz de Galicia: "La plataforma de Milladoiro para mejorar la N-550 se constituirá el día 27"
El Correo Gallego: "La Plataforma N-550 llama a la humanización de Milladoiro"
Compostela 24 horas: "El 27 de febrero se constituirá la Plataforma N-550"