Pestanas principais

As plantas cotiás e as súas propiedades marcan as dúas actividades da Aula da Natureza desta fin de semana

Martes, 10 de maio de 2022

A Aula da Natureza propón para esta semana dúas propostas protagonizadas polas plantas cotiás, tamén coñecidas como medicinais, para que a veciñanza amesá coñeza as súas propiedades e saiba recoñecelas na natureza. Este venres 13 de maio instalarase unha exposición de plantas medicinais na entrada da Casa da Cultura de Bertamiráns, con varias visitas guiadas e proxeccións de vídeos ao longo da xornada. Ademais, na mañá do sábado 14 farase unha ruta botánica guiada polos arredores da Aula da Natureza, que contará con servizo de autobús dende O Milladoiro e Bertamiráns. Para participar nas actividades, cómpre enviar esta ficha de inscrición cuberta e asinada ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Nos vindeiros días a Aula da Natureza proseguirá coas súas propostas relacionadas co entorno e o medio ambiente, despois de que nas últimas semanas organizase unha viaxe de fin de semana aos Ancares e unha xornada de actividades para a rapazada co gallo da Festa dos Maios. Esta fin de semana será a quenda das plantas cotiás ou medicinais, as cales a veciñanza amesá terá a oportunidade de coñecer en maior detalle.

Algunhas das plantas medicinais máis coñecidas son por exemplo a ortiga, o áloe vera ou o mexacán, mais habitualmente empregamos moitas delas na nosa cociña, como o allo, o perexil, a menta, o romeu, o ourego ou a alfábega, entre outras. O certo é que malia seren especies comúns, é posible que se descoñezan as súas propiedades, ou mesmo como recoñecelas na natureza.

Co fin de poder descubrir as plantas cotiás, este venres 13 de maio o andar baixo da Casa da Cultura de Bertamiráns acollerá unha exposición que mostrará diversos tipos destas especies en detalle. Esta proposta irá acompañada de proxeccións de vídeos e ata tres visitas guiadas ao longo da xornada. Pola mañá, o alumnado dos centros escolares de Ames gozará da exposición e de varias charlas relacionadas co tema. Xa pola tarde, o público xeral poderá sumarse a dúas visitas guiadas, ás 17:30 e ás 19:00 horas.

Pola súa banda, na mañá do sábado 14 de maio a Aula da Natureza organiza unha ruta botánica guiada polos arredores das súas instalacións, situadas na Ameixenda, co fin de atopar e identificar no medio diferentes tipos de plantas cotiás. A actividade contará con servizo de autobús, que realizará saídas dende a Casa da Cultura do Milladoiro, ás 10:30 horas, e dende o Pazo da Peregrina de Bertamiráns, ás 10:45 horas. A volta aos dous núcleos urbanos principais do concello realizarase arredor das 14:00 horas.

Para participar nas actividades, haberá que cubrir e enviar esta ficha de inscrición ao enderezo electrónico auladanatureza@concellodeames.gal.

Novas relacionadas:

El Correo Gallego: "Mostra e saída para identificar plantas grazas á Aula da Natureza amesá"

As plantas cotiás e as súas propiedades marcan as dúas actividades da Aula da Natureza desta fin de semana

Multimedia

  • As plantas cotiás e as súas propiedades marcan as dúas actividades da Aula da Natureza desta fin de semana