Pestanas principais

Pitusa Semifusa achégalle aos máis pequenos as familias de instrumentos a través dun espectáculo musical

Luns, 28 de decembro de 2015

[28-12-2015] Este martes, 29 de decembro, os nenos e nenas amesáns están convidados a participar no espectáculo Pitusa Semifusa, un concerto con pezas sinxelas a cargo de Seispés producións creativas. A representación terá lugar na Casa da Cultura do Milladoiro, a partir das 17:00 horas. A través deste espectáculo o público poderá aprender máis sobre as características das familias de instrumentos.

Pitusa Semifusa é unha nena inqueda e á que lle encanta a música. Tremendamente curiosa, Pitusa aprenderá grazas ás ensinanzas da súa avoa, unha directora de orquestra, curiosidades sobre as familias de instrumentos. A personaxe é unha creación da pandereteira e pianista ourensá Olga Brañas, que no 2014 presentou nun concerto a Pitusa e á súa avoa.

Ambas personaxes son as protagonistas dun libro-disco, que Olga Brañas publicou da man da Editorial Galaxia, e no que colaboraron músicos galegos como Quim Fariña, Uxía ou Sergio Tannus. Dese libro-disco nace o espectáculo homónimo. Pitusa Semifusa son a propia Olga Brañas, interpretando á avoa, e Xiana Landra no papel de Pitusa.

Olga Brañas creou a Pitusa pensando especialmente nos pequenos, querendo aportar unha ferramenta a pais, nais e educadores que axude a que nenos e nenas dean os seus primeiros pasos na música de forma amena, pero sempre con música de calidade para, en palabras da propia compositora “ir máis aló dos acordes e instrumentos básicos e da instrumentación típica, para que cando sexan maiores poidan distinguir e gozar da música de calidade".

A entrada para o espectáculo ten un custe de 4 euros, cun desconto do 50% para os nenos e nenas de menos de 12 anos, os estudantes universitarios que presenten o seu carné e os maiores de 65 anos. As entradas poden reservarse ata o martes 29 de decembro, ás 14:00 horas, chamando ao número de teléfono 981 53 59 40 ou enviando un correo electrónico a cultura.milladoiro@concellodeames.org.