Pestanas principais

As piscinas descubertas municipais de Ames rexistraron un récord de usuarios/as durante a época estival

Sábado, 21 de setembro de 2013

[21-09-2013] Entre o 15 de xuño e o 15 de setembro, as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro e a área recreativa de Tapia ofrecéronlle á veciñanza amiense unha alternativa á costa galega, rexistrando un récord de usuarios/as. O pasado domingo, 15 de setembro, rematou oficialmente o período estival en Ames, xa que as piscinas descubertas municipais deixaron de abrir ao público. Durante estes tres meses da época estival só as piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro foron empregadas por preto de 12.000 persoas. A este numero de usuarios/as habería que sumarlle un gran número de persoas que se achegaron todos os días ata a praia fluvial de Tapia. Ademais, un total de 1.862 persoas fixeron o carné de socio para poder empregar estas instalacións durante a época estival.

O bo tempo e a calor que tivemos durante este verán provocou que moitas persoas acudisen diariamente ás piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como a área recreativa de Tapia, para refrescarse. Estas instalacións convertéronse durante os meses de verán en lugares moi visitados por todos os veciños e veciñas de Ames. Nada mellor para liberarse da abafante calor do verán que un baño nas piscinas municipais ou na praia fluvial de Tapia.

Entre o 15 de xuño e o 15 de setembro as piscinas municipais de Bertamiráns e do Milladoiro tiveron unha gran afluencia de xente. O mesmo ocorreu na área recreativa de Tapia onde os veciños e xente da contorna acudiu para refrescarse e liberarse da calor na praia fluvial desta localidade amiense. Se comparamos estes datos cos do ano pasado produciuse un gran incremento no número de entradas, cun total de 3.500 máis respecto ao verán de 2012.

Ademais, un total de 1.862 persoas fixeron o carné de socio para poder empregar estas instalacións durante a época estival (620 carnés realizáronse en Bertamiráns e 1.242 no Milladoiro). Ao igual que no caso anterior, este ano produciuse un forte incremento na expedición de carnés de socio, xa que se o comparamos co verán de 2012 tramitáronse 605 carnés máis. O ano pasado expedíronse 1.257 carnés de socio.

A concelleira de Deportes, María Eugenia Martín, destacou que “o bo tempo deste verán propiciou que a veciñanza amiense acúdese ás piscinas descubertas de Bertamiráns e do Milladoiro, así como á praia fluvial de Tapia para refrescarse e gozar do sol. Os datos de uso destas instalacións son moi bos xa que preto de 12.000 persoas empregaron as piscinas descubertas municipais. Este ano houbo un forte incremento no número de usuarios, o que demostra que a veciñanza amiense valora de xeito positivo a posta en funcionamento destas instalacións”. A concelleira subliñou, ademais, que “non se rexistraron problemas de aforamento a pesar do bo tempo deste verán”. 

Operativo de seguridade
Para garantir a seguridade dos usuarios/as destas instalacións, o Concello dotounas cun operativo de seguridade composto por 8 socorristas e 6 vixiantes. Na praia fluvial de Tapia houbo 4 socorristas, mentres que nas piscinas municipais descubertas do Milladoiro e de Bertamiráns houbo 2 socorristas en cada unha das piscinas. Para cubrir este servizo, o Concello sacou a licitación a contratación do servizo de socorrismo e primeiros auxilios na praia fluvial de Tapia e nas piscinas descubertas. Este contrato foi adxudicado, por un importe de 48.279 euros, á empresa Brétema Ocio e Tempo Libre.

Para completar os labores de vixilancia o Concello de Ames realizou un proceso selectivo para contratar a seis vixiantes que atenderon as instalacións das piscinas municipais descubertas do Concello de Ames durante o período estival. Estes vixiantes foron os encargados de realizar tarefas relacionadas co funcionamento das piscinas e co control do cumprimento das normas das dependencias e os medios. Cada piscina tivo asignados dous vixiantes ao igual que na praia fluvial de Tapia.

Ademais, o Concello de Ames asinou un convenio de colaboración coa Axencia Galega de Seguridade Pública (Agasp) para que persoas desempregadas que realizaron cursos de formación neste organismo levasen a cabo prácticas profesionais. Deste xeito, un socorrista formado na Agasp fixo prácticas na piscina municipal do Milladoiro, prestando apoio aos socorristas e vixiantes desta instalación municipal.


Contido relacionado


La Voz de Galicia: "Las piscinas de Ames rozaron los doce mil usuarios este verano"