Pestanas principais

A piscina municipal da Telleira organiza este venres, 30 de decembro, unha xornada de xogos acuáticos

Martes, 27 de decembro de 2011

[27-12-2011] A partir das 16:30 horas, os rapaces e rapazas de Ames poderán gozar dunha tarde pasada por auga. A piscina cuberta municipal A Telleira acollerá unha xornada de xogos acuáticos. Esta actividade está enmarcada dentro da programación do Nadal 2011 que cada ano organiza o Concello de Ames. Os nenos e nenas entre 3 e 15 anos que desexen participar deberán inscribirse previamente xa que as prazas son limitadas. Para apuntarse hai que chamar ao número de teléfono 981 884 991 antes das 14:00 horas do xoves 29 de decembro. As persoas que estean interesadas nesta actividade deben darse présa porque xa hai inscritos 54 nenos/as polo que só quedan 16 prazas libres.

Aínda que o frío non dá tregua nesta época, os cativos e cativas teñen unha ampla gama de actividades para non quedar na casa durante as vacacións. Como parte do programa de Nadal, este venres a piscina municipal organizará unha tarde de xogos acuáticos para esquecerse da friaxe e promover a práctica de deporte.

Non deben esquecer o seu traxe de baño, a súa toalla, o gorro e mailas chancletas os que desexen ser partícipes desta xornada na que a auga será a gran protagonista. Todos os nenos e nenas deben inscribirse previamente no número de teléfono 981 884 991 antes das 14:00 horas do xoves 29 de decembro, xa que as prazas están limitadas. En total hai 70 prazas divididas en catro grupos, pero só quedan por cubrir 16 prazas.

  Co fin de evitar aglomeracións a organización dividiu a actividade en catro grupos distintos, en función das idades dos nenos, para que poidan desenvolver sen problemas os distintos xogos que os monitores da piscina pública municipal de A Telleira teñen preparados.

Para os nenos e nenas de entre 3 e 6 anos haberá dous grupos de vinte prazas cada un. O primeiro grupo gozará da piscina climatizada dende as 16:30 horas ata as 17:00 horas, mentres que o segundo farao dende as 17:00 h ata as 17:30 horas. A partir de aí, entrarán na auga os nenos e nenas de entre 7 e 10 anos para xogar con balóns, esvarar polos tobogáns inchables e tirarse dos trampolíns dende as 17:30 ata as 18:30 horas. Os últimos en poñerse a salpicar cos compañeiros durante a xincana serán os rapaces de entre 11 e 15 anos que terán a súa hora reservada entre as 18:30 horas e as 19:30 horas.

Esta iniciativa está dirixida aos máis pequenos para que se divirtan durante as vacacións de Nadal que comezaron o pasado 22 de decembro. Entre outras, tamén poderán gozar de veladas de cine, obradoiros culturais, música para todos os públicos e diferentes obras de teatro.

Todas estas actividades terán o seu punto forte o día 5 de xaneiro coa visita dos Reis Magos, que visitarán os pavillóns polideportivos de Bertamiráns e do Milladoiro. Os reis repartirán caramelos e recibirán aos máis cativos para que estes non esquecezan esa tarde facilmente.