Pestanas principais

A piscina de Bertamiráns acolle desde hoxe unha nova edición do programa Sanauga

Luns, 05 de novembro de 2012

[05-11-2012] A edición 2012-2013 do programa Sanauga, que organiza o Concello de Ames a través da concellaría de Voluntariado, deu comezo hoxe con preto de 60 amienses inscritos. O programa, que rematará a finais do mes de xuño e terá lugar na piscina municipal A Telleira, está cofinanciado pola Deputación da Coruña e coordinado pola Oficina de Voluntariado de Ames (OVA). Esta iniciativa ten como finalidade mellorar a mobilidade e o benestar físico dos asistentes.

Esta actividade está dirixida a persoas maiores de sesenta anos e/ou con discapacidade. O programa Sanauga ten a finalidade de mellorar a mobilidade e o benestar físico dos asistentes. Esta actividade consiste na realización na auga de exercicios que habitualmente se fan en terra. O curso vai encamiñado á mellora física das persoas participantes e o seu obxectivo principal é mitigar enfermidades como a artrite e as dores derivadas de diversas doenzas musculares e óseas a través da ximnasia acuática.

Este programa desenvólvese na piscina municipal A Telleira, situada en Bertamiráns, e poden participar os veciños e veciñas amienses que se atopen por riba dos 60 anos ou que teñan algunha discapacidade. A actividade, que se imparte polas mañás, repártese en catro quendas: de 09:15 a 10:00 horas; de 10:45 a 11:30 horas; de 11:30 a 12:15 horas e de 12:15 a 13:00. En total, hai 56 persoas inscritas e cóntase cunha lista de agarda conformada por outras nove persoas. Isto é unha clara mostra do éxito de participación deste programa.

Para poder participar nesta actividade non é preciso saber nadar. O que se pretende con este tipo de exercicios é unha aproximación ao medio acuático desde a motricidade cotiá das persoas e sen o requirimento de saber nadar. Realízanse na auga movementos habituais cos que a persoa maior está familiarizada, como pode ser andar, mobilidade de segmentos corporais, empurrar materiais, etc.