Pestanas principais

Petiscos Gastrobar, Cenlitrosmetrocadrado e Escola de Estudos Musicais Allegro reciben os galardóns da segunda edición do Premio Lingua e Empresa

Xoves, 19 de decembro de 2019

Este mércores, 18 de decembro, realizouse, no salón de plenos da Casa do Concello, a entrega dos galardóns aos gañadores/as do Premio Lingua e Empresa. O xurado da segunda edición deste certame decidiu por unanimidade outorgar o premio ex aequo e repartir o importe económico a partes iguais entre tres empresas: Petiscos Gastrobar de Bertamiráns, Cenlitrosmetrocadrado do Milladoiro e Escola de Estudos Musicais Allegro tamén do Milladoiro.

Trátase da segunda edición deste premio posto en marcha polas Concellarías de Normalización Lingüística e de Promoción Económica coa finalidade de promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames. A través desta iniciativa preténdese recoñecer publicamente a contribución ao aumento e á mellora do uso social do galego no ámbito empresarial, así como promover o uso da lingua galega na actividade económica do Concello de Ames.

No acto de entrega de premios que tivo lugar no día de onte, estiveron presentes representantes do goberno municipal como a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, xunto cos técnicos municipais, Jorge Couñago e Rosa Moreiras. Ademais dos tres membros do xurado: Felix Caramés Blanco, técnico da Unión de Consumidores de Galicia, Xosé Antonio López Silva, profesor do IES de Ames, e Jorge López Penas, presidente da Xuntanza de Empresarios de Ames.

A concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, deulle as grazas ás empresas que participaron no concurso por utilizar a lingua galega. “Agardo que pouco a pouco esta iniciativa se vai consolidando ao longo dos anos e cada edición se presenten máis empresas. Este premio é un recoñecemento ás empresas que utilizan a nosa lingua. Sodes un exemplo para o sector e para aquelas persoas que están pensando en crear a súa propia empresa. O galego é un valor positivo que lle dá proximidade a a actividade comercial e vós poñédelo de manifesto no traballo que realizades todos os días”.

A concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, tamén agradeceu a todas as empresas participantes a súa boa disposición e o seu traballo en galego, así como ao persoal municipal polo seu traballo. “É moi importante o traballo que estades facendo as empresas e comercios de Ames pola lingua galega e por defender cada día que se pode traballar en galego con total normalidade. O galego é valor engadido que ten o comercio de Ames”.

Por parte do xurado, Jorge López dixo que “non foi fácil elixir aos premiados/as polo diferentes traballo en galego feito polas empresas presentadas, pero dende logo que as tres empresas que sodes as gañadoras, merecédelo. E tan só quero engadir que cada empresa ten que seguir aportando o seu gran de area e que é posible traballar en galego e xestionar a nosa empresa na nosa lingua”.

Félix Caramés, tamén membro do xurado, incidiu na necesidade de traballar en galego naqueles oficios e e empresas que desenvolven un traballo eminentemente técnico. “Cos premios que se entregan hoxe na Casa do Concello estase impulsando que as empresas cun perfil máis técnico aposten polo galego para facer o seu traballo diario e atender a súa clientela”.

Empresas gañadoras do II Premio Lingua e Empresa

As empresas gañadoras foron Cenlitrosmetrocadrado, Escola de Estudios Musicais Allegro e Petiscos Gastrobar, as cales recolleron o premio a través dos seus representantes, que agradeceron ao concello o recoñecemento e puxeron en valor o uso da nosa lingua.

Cenlitrosmetrocadrado, Sociedade Cooperativa Galega, recolleu o premio a través de Xabier Rilo, que finalizou a súa intervención cunha frase de Luís Seoane: “Nós queremos axudar a enriquecer o mundo coa nosa diferenza”. A empresa, situada no Milladoiro, foi unha das galardoadas polo seu labor impulsando a dinamización lingüística no eido da creatividade e pola relevancia e impacto da súa actividade no ámbito autonómico e estatal. Destaca tamén a especial visibilidade do seu traballo e dos seus produtos pensados e feitos dende Galicia e en lingua galega.

Pola súa banda, Escola de Estudios Musicais Allegro, recolleu o premio a través de Leticia Falcón, que cantou un poema de Manuel María. A escola, situada tamén no Milladoiro, foi galardoada polo seu traballo de dinamización lingüística en todos os eidos da súa actividade, tanto internos e externos, e polo uso normalizado da lingua galega no ámbito musical, con especial relevancia na etapa de educación infantil e primaria.

E xa para rematar, Petiscos Gastrobar, situado en Bertamiráns, recolleu o premio a través de Juan Ramón Tocino. Un recoñecemento que recibe pola súa actividade regular e implicada a prol da normalización lingüística no eido da hostalaría, cunha aposta clara polo galego como elemento de marca e de imaxe do propio establecemento. Tamén destaca o impacto e a visibilidade que a súa escolla comunicativa pode ter no proceso social de normalización lingüística.

Novas relacionadas:

Compostela 24 horas: "Petiscos Gastrobar, Cenlitrosmetrocadrado e Escola de Estudos Musicais Allegro reciben os galardóns da segunda edición do Premio Lingua e Empresa"

Entrega premios Lingua e Empresa

Multimedia

  • Entrega premios Lingua e Empresa
  • Entrega premios Lingua e Empresa
  • Entrega premios Lingua e Empresa
  • Entrega premios Lingua e Empresa
  • Entrega premios Lingua e Empresa