Pestanas principais

Peter Punk pechará a oitava edición de Cinema Miúdo cun espectáculo cómico e reivindicativo

Mércores, 05 de novembro de 2025

O Festival Internacional de Cinema Infantil de Ames despedirá a súa oitava edición cunha gala chea de humor e compromiso social da man do coñecido artista Peter Punk Pallaso, que presentará un espectáculo cómico e reivindicativo centrado na defensa dos dereitos humanos e na mensaxe de paz que inspira esta edición de Cinema Miúdo. O festival vaise a celebrar do 13 ao 16 de novembro no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Os abonos para o festival, que teñen un prezo de 3 euros, están dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Xa está aquí a oitava edición do festival internacional de cinema infantil de Ames, que se vai a celebrar do 13 ao 16 de novembro no auditorio da Casa da Cultura de Bertamiráns. Trátase da edición máis internacional e comprometida de Cinema Miúdo. Esta iniciativa está organizada polo Concello de Ames en colaboración coa Deputación da Coruña. O festival propón un programa cinematográfico amplo de curtametraxes internacionais, actuacións e obradoiros que combina calidade artística, orixinalidade e compromiso social. 

Nesta edición unha das sesións da selección oficial contará cun subtitulado específico para persoas con discapacidade auditiva. Proxectaranse filmes procedentes de 21 países diferentes, entre eles Corea do Sur, Croacia, Dinamarca ou os Países Baixos, o que reflicte o carácter internacional e plural do certame. Ademais, haberá dous obradoiros nos que a rapazada poderá crear efectos especiais e as súas propias animacións.

Inauguración e clausura cheas de emoción
A gala de inauguración, o venres 14, ás 17:00 horas, contará coa participación da escola de danza Danzaya Ames, que ofrecerá unha posta en escena chea de enerxía para dar inicio ao festival. A gala de clausura celebrarase o domingo 16 de novembro, ás 18:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns, e servirá tamén para facer entrega dos premios oficiais do certame, que recoñecerán as mellores curtametraxes das categorías Axóuxeres e Buxainas, así como o galardón destinado ao público escolar e o Premio Miguel López “el Hematocrítico”, outorgado á obra que mellor exprese valores sociais e educativos.

Baixo o lema “Defendamos a paz e os dereitos humanos”, Cinema Miúdo 2025 pon o foco na importancia da Declaración Universal da ONU e na defensa dos valores de igualdade, solidariedade e xustiza. O festival propón un programa cinematográfico amplo de curtametraxes internacionais, actuacións e obradoiros que combina calidade artística, orixinalidade e compromiso social.

Clausura con Peter Punk, un espectáculo para rir e pensar
Na gala de clausura, o coñecido artista Peter Punk -etiqueta artística de Isaac Rodríguez- presenta un espectáculo inédito que combina humor, malabares e participación do público. A través do xogo e da risa, o pallaso ofrece unha proposta divertida para pequenos e maiores, pero tamén cunha fonda mensaxe sobre os dereitos humanos, a empatía e a igualdade.

Licenciado en Educación Infantil e cunha longa traxectoria como malabarista, pallaso e animador, Peter Punk é o actual director da Asociación de Profesionais de Circo da Galiza e membro de Pallasos en Rebeldía, colectivo co que participou en accións solidarias en campamentos de refuxiados en Grecia e no Sáhara. A partir desa experiencia, incorpora ao seu espectáculo unha mirada máis reflexiva, lembrando que o dereito á alegría e á infancia.

Venda de entradas
A entrada ás proxeccións realizarase mediante abono único, dispoñible na Billeteira electrónica do Concello de Ames. O abono canxearase na primeira sesión por unha pulseira identificativa, que permitirá o acceso a todas as proxeccións. Xunto coa pulseira, o público recibirá un programa en formato álbum de cromos, que poderá ir completando nas distintas sesións e obradoiros.

Peter Punk pechará a oitava edición de Cinema Miúdo cun espectáculo cómico e reivindicativo

Multimedia

  • Peter Punk pechará a oitava edición de Cinema Miúdo cun espectáculo cómico e reivindicativo
  • Peter Punk pechará a oitava edición de Cinema Miúdo cun espectáculo cómico e reivindicativo