Pestanas principais

As persoas participantes dos obradoiros da Aula da Natureza fan grupos para seguir aprendendo

Mércores, 15 de xuño de 2016

[15-06-2016] Este sábado tivo lugar na Aula da Natureza a última actividade do programa de primavera preparado polo Departamento de Medio Ambiente. Un obradoiro de cosmética no que as 20 participantes aprenderon a elaborar cremas e protector solar a partir de aceites vexetais e plantas. Ademais deste desenvolvéronse un de fruticultura, outro de elaboración de xabóns naturais dirixida a nenas e nenos e un obradoiro de cestería de varas.

Practicamente todos os obradoiros organizados esta primavera na Aula da Natureza completaron as súas prazas, exceptuando o de cosmética natural para nenas e nenos, no que tan só sobraron catro. Os grupos de alumnas e alumnos das aulas de cestería de varas e de cosmética vexetal para adultos demostran ademais o seu éxito solicitando a realización de outros obradoiros de perfeccionamento e coa promesa de xuntanzas para continuar pondo en práctica o aprendido.

Tralo éxito acadado en anteriores cursos de poda a Aula da Natureza organizou un curso intensivo sobre froiteiras os días 23, 30 de abril e 7 de maio. O curso foi impartido por Alfonso Touceda, experto e profesional da poda. O 14 de maio tivo lugar o primeiro obradoiro de cosmética, dirixido este a e nenas e nenos. Foi impartido pola técnico de Medio Ambiente Patricia Reboreda, quen ensinou ao grupo a elaborar champú e xabón con ingredientes naturais.

Lola Tourón foi a encargada de impartir o obradoiro de cestería de varas. Aprendeulle ás 20 persoas participantes as distintas formas de comezar un cesto, adecuando base e forma ao uso que se lle quere dar. Ela mesma aportou os materiais para este curso, aínda que tamén ofreceu consellos aos e ás participantes sobre o mellor momento para recoller vimbio ou xuncos. O grupo participante sairá este mes de xuño en busca do segundo material, que deixará secando até o mes de outubro; empregarano entón para a elaboración de sombreiros.

O derradeiro obradoiro tamén terá a súa continuidade no tempo. Este sábado a enxeñeira agrícola Lidia Rojo explicou aos participantes da aula sobre cosmética natural como elaborar cremas empregando distintos aceites- de camelia, de améndoa, de oliva- e mesturalos con plantas- vainilla, lavanda- para obter cremas. O grupo, moi participativo, foi facendo preguntas a medida que ela avanzaba na súa elaboración. Aprenderon as propiedades dos distintos aceites e plantas empregados, e como escollelos segundo as necesidades da pel.

Ademais coñeceron a receita para elaborar cremas solares. As participantes seguirán a poñer en práctica o aprendido, para o que poderán empregar as instalacións da Aula da Natureza. A técnico de Medio Ambiente, Patricia Reboreda, explica que é unha forma “de compartir gastos en material entre as participantes” e que “procuraremos facer máis obradoiros a partir de setembro, visto o seu éxito”.



Contido relacionado


El Correo Gallego: "Taller de cosmética con 20 alumnas"