Pestanas principais

As persoas interesadas en participar no obradoiro de baile e música tradicional poderán inscribirse nesta actividade a partir do vindeiro luns

Martes, 11 de setembro de 2012

[11-09-2012] O obradoiro de baile e música tradicional do Concello de Ames, que seguirá impartindo no curso 2012-2013 a Asociación Cultural Os Castros, ofrecerá un ano máis aos participantes clases de baile, gaita, pandeireta, percusión e punteiro. As clases, que comezarán a partir do día 13 de outubro, levaranse a cabo nos centros socioculturais de Bugallido, Biduído, Trasmonte e na Casa Cultura de Bertamiráns. O prazo de inscrición comezará o vindeiro luns 17 de setembro e estenderase ata o 21.

A reunión de presentación e distribución de todos os grupos será no local sociocultural de Bugallido o vindeiro sábado 6 de outubro. Ás 10:00 horas será a quenda dos alumnos e alumnas de baile, mentres que os asistentes a gaita e percusión celebrarán a súa reunión ás 16:00 horas. É importante que todas as persoas inscritas asistan a estas reunións para establecer o reparto dos grupos.

Este obradoiro de baile e música tradicional está aberto a todas as persoas que desexen participar a partir dos catro anos de idade e o segundo prazo de inscrición comezará o vindeiro 17 de setembro e estenderase ata o día 21. A matrícula pódese facer de xeito presencial na oficina de Cultura e Deportes de Bertamiráns, situada no Pazo da Peregrina, e na Casa da Cultura do Milladoiro.

A Asociación Cultural Os Castros subliña que os horarios poden sufrir algunha modificación dependendo do nivel de formación dos diferentes alumnos e alumnas, do número de inscritos e da organización dos diferentes grupos.

Distribución das clases
Segundo os horarios establecidos, o centro sociocultural de Bugallido acollerá os sábados as clases de baile, que se repartirán en catro grupos, en función das idades dos participantes. Deste xeito, as clases de iniciación e as dos rapaces de 6 a 9 anos serán de 10:00 a 11:00 horas; ás dos asistentes de entre 9 a 13 anos celebraranse de 11:00 a 12:00, e as dos maiores de 14 anos serán entre as 12:00 e as 13:00 horas.

Pola súa banda, as clases de gaita e percusión repartiranse entre os locais de Bertamiráns, Bugallido, Biduído e Trasmonte. Así, os luns en Bertamiráns impartiranse as clases de iniciación e perfeccionamento de gaita, pandeireta, percusión e punteiro. Os xoves será a quenda de Bugallido, onde se darán as clases de gaita, pandeireta e percusión na modalidade de banda. Os venres, as clases serán en Biduído e nelas impartirase: iniciación á pandeireta e á percusión, ensaio xeral de gaita e pandeireta e iniciación e perfeccionamento de gaita e punteiro.

O local de Bugallido tamén acollerá os sábados as clases de iniciación á gaita, punteiro, pandeireta e percusión. Neste lugar tamén se  realizarán as clases de ensaio xeral de gaita, pandeireta, percusión. Ademais, os sábados en Bugallido haberá clases de perfeccionamento de gaita, percusión e pandeireta. Por último, tamén se impartirán as leccións de iniciación e perfeccionamento de percusión.

Na xornada do domingo, as actividades do obradoiro desenvolveranse no local social de Trasmonte. Haberá clases de iniciación ao punteiro; de perfeccionamento e ensaio xeral de gaita; de ensaio xeral de pandeireta e percusión, e de iniciación e perfeccionamento de pandeireta e percusión.