[12-05-2011] A peza Cocacola, interpretada polo grupo As Peregrinas, acadou o premio do xurado no I Concurso Radiofónico de Teatro Lido que organizou o Concello de Ames. O premio do público foi para a peza A oficina de obxectos perdidos, un texto de Sechu Sende, extraido do libro Made in Galiza. Os premios, de 300 euros por categoría, serán entregados no acto oficial do Día das Letras Galegas que se desenvolverá o 17 de maio, ás seis da tarde, na Casa da Cultura do Milladoiro. Os integrantes dos dous grupos gañadores visitaron a Radio Municipal.
O xurado non tivo dúbidas e decidiu por unanimidade que "Cocacola", un texto de creación propia pensado e interpretado por Alicia Casas Fontán, Irene Lorenzo Rei e Xiana Méndez Fernández, agrupadas baixo o nome de As Peregrinas, merecía ser o gañador do I Concurso Radiofónico de Teatro Lido que organizaron conxuntamente os departamentos de Comunicación, Normalización Lingüística e Mocidade pola súa "adecuación do texto á temática esixida polo concurso e a súa interpretación".
Cocacola conta a historia de como se creou o último anuncio da coñecida marca de refrescos, converte a publicista en galega e sitúa a orixe do spot nunha conversa familiar na que se discute sobre a lingua galega. Irene Lorenzo, unha das integrantes do grupo, explica o que quixeron contar con Cocacola. "Queríamos darlle un pouco de categoría a lingua a través da nosa historia. Saír dos tópicos de que os nenos que falan galego son aqueles que viven no monte, que non é certo, porque é unha lingua que vale moito, como todas as linguas, entón queríamos darlle esa igualdade e importancia e críamos que se podía lograr con esta historia".
O premio do público recaeu no grupo "Os Esmorgantes", formado polos tamén alumnos do IES de Ames, Santiago Vidal Freire e Adrián Amboage Villar. Os Esmorgantes interpretaron o texto do libro de Séchu Sende, Made in Galiza, titulado A oficina dos obxectos perdidos. O grupo acadou 57 dos 170 votos recollidos tanto a través do telefono da radio municipal como dun enderezo electrónico propio do concurso. "Eliximos o texto -explica Santiago- porque xa tiñamos conciencia del na clase e xa o leramos na clase no primeiro trimestre con Chus García, e basicamente porque pensamos que podía reflectir moi ben a situación actual do galego que era importante para o concurso".
A primeira edición do Concurso Radiofónico de Teatro Lido presentáronse un total de doce grupos. Máis da metade deles, como foi o caso das gañadoras, elixiron crear as súas propias historias. Outros traballaron os textos de Made in Galiza de Sechu Sende ou Bicos con lingua da Compañía Talia Teatro, que lles foron propostos pólas súas profesoras de galego Noemi Pazo e Chus García. "Tanto a profesora Chus García como eu -manifesta Noemi Pazos- démoslle un pouco as pistas de comezo seleccionando textos de Sechu Sende, de varios autores a través da obra de teatro Bicos con Lingua, algunha cousa de Suso de Toro e outros textos para que si querían que os mesturasen. E despois houbo unha serie de grupos que manifestaron a súa idea de crear un texto propio, o cal pareceunos aínda mellor".
As profesoras salientan tamén a boa acollida que o concurso tivo entre o alumnado do IES de Ames. "Fíxolles moita ilusión, gustoulles a idea. Presentouse un perfil de xente que é moi boa no académico pero tamén moitos alumnos e alumnas que non son especialmente bos no académico pero que lles apeteceu. E sobre todo a todos lles gustou moito a experiencia de vir gravar á radio".
O I certame de Teatro lido de Ames pretende dinamizar o uso do galego entre a mocidade do concello a través da reflexión colectiva sobre a nosa realidade sociolingüística e fomentar o gusto pólas artes escénicas.




